mércores, 16 de maio de 2018

DATCHBALL


Outro deporte novo, adaptado do americano chamado Dodgeball. A continuación presento, a través dun vídeo ao que podes acceder, se clicas sobre as pelotas de cores anteriores,  a final dun encontro entre Canadá e Estados Unidos de Norteamérica. É moi emocionante e na clase, sempre adaptado, polas propias condicións da sala de xogo, resulta moi divertido. Anímovos a practicalo.

A continuación, sin embargo imos ver como se xogaría na escola.

Creative Commons License

O COLPBOL

O Colpbol é un deses novos deportes nacidos da práctica diaria na aula de Educación Física. Un xogo con movemento, motivante, cooperativo e de reglas simples. Os piares que se precisan para que o alumnado se identifique con certas actividades. O seu creador foi un mestre de Educación Física chamado Juanjo Bendicho.

Clica sobre este balón e accederás a un vídeo que che vai amosar este deporte.

https://youtu.be/WZ8H4h3s_N4

Se por algo se caracteriza o Colpbol é pola competición entre equipos mixtos, como podes ver no vídeo anterior.

Como dixemos antes, calquera falta vai ser castigada cun saque de banda do outro equipo, desde o punto máis próximo a onde ocorreu a mesma, polo que a complicación é mínima.

O que precisa o Colpbol é unha boa habilidade de golpeo.

 Creative Commons License

mércores, 2 de maio de 2018

OS XOGOS OLÍMPICOS

A maior demostración deportiva a nivel mundial son As Olimpiadas ou Xogos Olímpicos.

Á hora de falar deles teremos que diferenciar entre os Xogos Olímpicos Antigos e os Xogos Olímpicos modernos.

OS XOGOS OLÍMPICOS ANTIGOS

Estes xogos naceron como necesidade dun periodo de paz entre as moitas loitas que eran comúns no Mediterráneo na Historia Antiga.

Na seguinte imaxe vas atopar un montón de puntiños que che van proporcinar bastante información relativa aos Xogos Olímpicos.




<img style="max-width:100%" src="//cdn.thinglink.me/api/image/1052967805562912769/1024/10/scaletowidth#tl-1052967805562912769;'" class="alwaysThinglink"/><script async charset="utf-8" src="//cdn.thinglink.me/jse/embed.js"></script>





Creative Commons License

martes, 24 de abril de 2018

O BALONMÁN NA ESCOLA

O minibalonmán é un deporte nacido do balonmán adulto. Como todos os deportes que consideremos útiles para vós, teñen que ser adaptados ás necesidades escolares. Así que vou tentar explicar un pouco en que consiste e o regulamento máis básico e sinxelo.

Imos responder basicamente a estas preguntas:

1.- ¿Número de xogadores/xogadoras por equipo?
2.- ¿Cal é a pista?
3.-  ¿Con que se xoga?
4.- ¿Cales son as principais técnicas e que erros son os máis comúns?
5.- ¿Que ocorre cando cometemos unha falta?

Completaremos esta información con varios vídeos explicativos e outros espectaculares relativos a este deporte.

É un deporte moi emocionante, cun ritmo trepidante e cuns marcadores nos que a cantidade de goles soe ser moi importante. Algunhas das xogadas son realmente espectaculares.

Aquí che deixo unha referencia dos mellores goles en balonmán feminino. Clica sobre a imaxe.

https://youtu.be/yGYEoC4iDA8


1.- Número de xogadores/xogadoras por equipo.

Para xogar a balonmán terás que reunir 10 xogadores, divididos en dous equipos de cinco. Poden ser equipos femininos, masculinos ou ben mixtos. Un dos xogadores será o porteiro e quedan na pista 4.

 
2.- ¿Cal é a pista?











3.- ¿Como iniciamos un partido e que partes ten?

 Para iniciar un partido imos facer algo similar ao baloncesto. Chámase saque de árbitro. Unha persoa lanza un balón ao alto entre dous xogadores, un de cada equipo, cando o balón veña cara abaixo cada un dos xogadores tentará palmealo cara o seu campo.

 Cada partido dividímolo en dúas partes e cada parte en dous tempos. Así na primeira parte teremos os tempo 1 e 2 e na segunda parte os tempos 3 e 4.

* ¿Canto dura cada tempo?

Cada tempo durará 10 minutos. Entre tempo e tempo descansamos 2 minutos. Entre a primeira e a segunda parte haberá un descanso de 6 minutos.

4.-  ¿Con que se xoga e cal é o obxectivo básico?

3.1. Precisas unha pista coas medidas regulamentarias, como viches antes, unha portería axeitada ás vosas medidas e un balón que poidades coller facilmente cunha soa man e que teña un bo bote.
Cada gol vale un punto.

3.2. En balonmán, temos que avanzar entre todos os membros do equipo, botando e pasando o balón, para chegar ao campo contrario, sen que nolo quiten. Chegados ao outro campo trataremos de meter gol, sen pisar a área contraria, lanzando o balón coa man, evidentemente.

5.- ¿Cales son as principais técnicas e que erros son os máis comúns?

En balonmán debes de estar pendente de certos movementos:

** En ataque:

* Desprazarse sen balón:

Sen botar só podemos dar tres pasos seguidos. Logo lanza a gol ou pasa a un compañeiro/a.

¿Como se castiga unha falta de pasos?

Cun golpe franco, é dicir sacamos desde a liña de 7 metros, no voso caso.

* Botar:

O balón que utilizamos é fácil de coller cunha  man. Temos que movernos pola pista botándoo cunha soa man.



Problemas co bote:

-- Non podes botar coas dúas mans.
-- Se inicias unha xogada botando e te detés, terás que tomar a decisión de pasar a outro compañeiro/a ou ben tirar a gol. Non poderás deterte e volver a avanzar de novo botando.
-- Tocar o balón co pé de xeito voluntario.
-- Nembargantes vas poder botar o balón dentro da área dos outros, sempre que ti non pises dentro.

 ¿Como se castiga unha falta de pasos?

De novo temos que enfrontarnos a un golpe franco.  Saca desde liña de 7 metros calquera xogador.


* Pasar e recepcionar:

 Os balóns que utilizamos soen ser brandos, pero nunca o suficiente para que non poidan provocar algúnha pequena lesión, polo tanto é importante colocar as mans de xeito que reciban ese balón sen problema. Tenta facer unha taciña coas dúas, absorbendo o impacto do balón en lugar de opoñerte a el.

- Pasar:

Como facemos habitualmente, imos ter pases altos e medios:

- Os pases altos usarémolos para facer lanzamentos ou pases a compañeiros que están lonxe ou ben cando teño diante de min a compañeiros que me bloquean a posibilidade de pasar facilmente.
Como ves, o brazo ármase sobre o ombreiro.
- Os pases medios usarémolos para colar o balón por debaixo dos brazos dun bloqueo ou ben para ir armando unha xogada entre todos, cando non hai oposición doutros. De feito o pase ideal, en circunstancias normais diríxese á altura do peito do meus compañeiros, cunha traxectoria recta. Por que? Porque é necesario evitar os pases bombeados ou curvos. Son lentos e facilmente interceptables.
- O pase ou tiro de cadeira: Como o nome indica faise á altura desta. Estamos no caso dos pases medios. Cando diante de min teño a alguén que me bloquea o paso teño que buscar unha zona máis baixa para facer pases ou para lanzar á portería.

Fíxate neste vídeo en que se extenden a explicar absolutamente todo tipo de pases cos seus nomes correspondentes. Clica sobre a imaxe:

https://youtu.be/ohnE1TP53oY








* Tirar a portería:

É sen dúbida o obxectivo fundamental. Perseguimos o gol, por riba de todo.


https://youtu.be/14OFGM7xETo


Erros máis comúns:

- Non podemos entrar co balón na área contraria. Temos que lanzar antes ou ben facelo saltando. Entón temos permitido pisar.
- Se pisamos co balón nas mans teremos cometido unha falta. A sanción será un golpe franco.
- Non podemos agredir físicamento ou verbalmente aos que atacan. Se o facemos podemos ser expulsados. Se aínda por riba o facemos na área seremos castigados cun penalti. O penalti faise desde a liña de 7 metros.

Se clicas na imaxe anterior podes acceder a un víde de lanzamentos.



** En defensa:

O balonmán ten unha dificultade moi alta para as vosas idades posto que é un deporte de equipo en que o que prevalece é a xenerosidade. Non valen os comportamentos egoístas en que un ou unha quere ser o protagonista fuxindo co balón e tirando a gol, sen ter en conta aos demais membros do equipo.

Non podemos agarrar, nin golpear a outros. 


* O bloqueo:

Se te fixas nun partido, cando se perde o balón, todo o mundo baixa correndo a defender, formando unha muralla diante da propia área, que bloquea o paso aos atacantes. Esa barreira móvese como unha soa persoa. Non debemos facer nunca defensas individuais a un xogador.



Non podemos pisar dentro da nosa propia área. Será unha falta.
Non podemos golpear aos que atacan.

En apartados anteriores temos as sancións correspondentes a estas faltas.


* O Porteiro:

O porteiro, un xogador moi flexible, pode utilizar calquera parte do corpo para parar o balón.
Non podemos pasarlle o balón cando esteamos baixo presión.
Non pode saír da área co balón controlado.

Se o porteiro sale da área será sancionado cun penalti.
Se o porteiro colle un balón parado ou rodando fóra da súa área tamén se enfronta a un penalti.


O porteiro é o que saca cando tiran a gol e o balón sae pola liña de fondo. Sacará desde a propia área. Tamén será o que saque cun pé pisando na liña de 3 metros, cando lle meteron gol.

Vas ver un vídeo curioso sobre os trucos máis chamativos á hora de tirar penalty. Clica sobre a imaxe.

https://youtu.be/ZaVe1N_2dII


* Dous xogadores collen un balón a un tempo.

De novo farase un saque de árbitro, saltando os dous nenos implicados no agarre dese balón.
Para evitar accidentes tés que evitar lanzarte ao chan para coller un balón perdido ou difícil. Se non se pisa a liña teremos un golpe franco en contra.

Cando saquedes de banda e tentedes bloquear ese saque, debedes de ser coidadosos, mantendo unha distancia de 2 metros de distancia coa persoa que saca.

Agora algo que che vai encantar. Podes tirar directamente a gol, desde o saque.


* Un balón preto de nós dentro da área ou que vén rodando de dentro dela.

Non pode ser collido pois será tamén falta de golpe franco.

* ¿Cando un balón sae fóra que facemos? 

Sacar de banda, pero ten unha peculiaridade. Se o que saca de banda non está pisando a liña de banda, será falta. tamén se sancionará 


6.- As faltas graves: Van ser as relativas á falta de deportividade e educación.

Son faltas graves as que ocorren cando non hai un balón polo medio. Se dous xogadores se agreden, sen ter ningún deles o balón, poden ser expulsados dous minutos.

É unha falta grave o insulto e a violencia gratuita. Podemos ser expulsados definitivamente do partido.

En calquera deporte o Xogo Limpo é a cuestión máis importante. Somos diante de todo amigos e xogamos para disfrutar e aprender.

Vou presentarche agora un vídeo de regulamento básico de balonmán para nenos:
 Clica sobre esta imaxe de varias canchas de distintos deportes.

https://youtu.be/l6wzG7bM2dY









Debes de saber que tamén existe outra variante do balonmán que se xoga na praia. Chámase balonmán praia. Con toda a espectacularidade do balonmán en pista.




Creative Commons License

A EDUCACIÓN VIARIA

Todos e todas andamos polas beirarúas ou utilizamos patinetes, bicicletas, patíns... Polo tanto debemos coñecer como actuar: os sinais, os perigos... Agora temos aquí uns vídeos sobre este tema que che vai axudar moito. Os xogos pertencen a MAPFRE. Clica aquí e á esquerda podes traballar cantidade de xogos.

Outro lugar cheo de xogos sobre educación viaria é "Educapeques". Os xogos que vas ver están graduados por niveis.


Os sinais. Todos nós debemos saber o significado das máis importantes e que facer cando estamos diante delas. É o xeito de evitar accidentes. Clica sobre eles para acceder ao vídeo.


https://youtu.be/rnb0fkpeOao  


 
Imos agora falar de que facer cando estamos na rúa. Todos compartimos ese espazo e temos actuar con corrección para convivir. O vídeo que podes ver se clicas sobre o semáforo pertence a "Ecucapeques".


 Creative Commons License

martes, 10 de abril de 2018

BALONCESTO EN PRIMARIA






* O BALONCESTO NA ESCOLA: O MINIBASKET.

Onde atopes palabras dunha cor diferente e subliñadas, fai dobre clic. Podes acceder a enlaces doutros lugares de interese que che resultarán curiosos, sobre todo o do apartado" Como naceu o baloncesto?"
Outro dos deportes cos que entramos en contacto nos derradeiros niveis de Primaria.
Sabías que é un deporte no que España tivo e ten grandes campións? Os irmáns Gasol, Rubio, Corbalán, Iturriaga, etc. Fomos varias veces medalla de prata  nas Olimpiadas...

O baloncesto, como moitos outros deportes, tén que adaptarse a un corpo en constante crecemento, como o voso. Así os materiais teñen que ser menos pesados e as canastras estar a menos altura.

* Como naceu o baloncesto?

No 1891 naceu o baloncesto. Un profesor de Educación Física, Naishmith buscaba un deporte de interior. Ademais quería xogar no ximnasio ¿Como foi argallando todo esto? Fíxose con dúas cestas que colocou nese ximnasio. Púxoas a 3,05m e así comezou todo. Como o seu nome indica basket (cesta) ball (pelota). Traducíndoo literalmente cesta-pelota: Se tivesemos que adiviñar como xogar, o que fariamos sería, seguramente "meter a pelota nunha cesta". Evidentemente tivo que argallar tamén un regulamento a seguir... Este é un somero resumo de como naceu o baloncesto. Para máis información, por certo, moi interesante, clica sobre o texto azul e subliñado. Podes acceder así a unha interesante páxina de "Libertad Digital", sobre o tema que estamos tratando.

* Como xogamos I:

Antes de que empecemos coas cuestións teóricas vas ver aos magos do baloncesto a nivel mundial. Falamos dos xogadores da NBA que, como ben sabedes, é a liga de baloncesto dos Estados Unidos de Norteamérica. Clica sobre o balón e accederás ao enlace a un vídeo coas 21 mellores xogadas desta liga.

https://youtu.be/5u9Mw_gOpE0



Realmente o que ao remate da unidade didáctica o que vos interesa é xogar ao baloncesto. Imos explicar un pouco como facelo.

Normalmente teredes que xogar catro tempos de 10 minutos cada un. ¿Como se reparten estes catro tempos? Os dous primeiros tempos serán o que se chama a primeira parte do partido. Despois destes dous tempos teredes un descanso de 15 minutos. Os tempos 3 e 4 serán os que formen a segunda parte. Lembra que non se xoga seguido. Entre tempo e tempo dous minutos de descanso.
¿Que pasaría se empatasedes? Iremos engadindo tempos de 5 minutos, ata que un dos equipos logre a victoria.


En baloncesto o que tés que ter claro é un certo dominio sobre un elemento imprescindible para xogar, o balón. Na vosa idade, se queres mercar un, opta por unha talla cinco.

Imos ver agora os movementos básicos necesarios para xogar a baloncesto:

O bote:

O balón botarase cunha soa man e sempre protexido co noso corpor. Evitamos así que un adversario nolo poida quitar. Procura non botar por riba da cintura. Será unha forma de asegurar que non cho quiten tamén.

No momento en que te despraces botando, terás que ter en conta que se te detés non podes volver a arrancar botando. Estarás comentendo unha falta das consideradas leves, pero unha falta.

Accede aquí a un vídeo explicativo. Clica sobre o balón.

https://youtu.be/WCFUH1b0F-U



O pase:

Os pases imos traballalos atendendo a distintas alturas e ao uso dunha man ou das dúas, picando ao chan o mesmo ou non... Así será sinxelo organizarse. Aquí che deixo un enlace a un vídeo en que os vas ver. Clica sobre o balón.

https://youtu.be/uEzqqfalmrg



O tiro:

Normalmente é o que máis ilusión che fai. É importante ter unha boa técnica. Na túa idade procura non abusar de longas distancias. Estarás forzando os brazos e as costas. Fíxate ben nas explicacións que che dan.

https://youtu.be/sZLrrVWbALM









As paradas:

Cando imos correndo e botando imos ter que facer certos movementos antes de tirar ou pasar. Chámanse paradas e poden ser nun tempo, cando os dous pés se deteñen a un tempo e logo temos a que se chama en dous tempos. Os pés paran un a continuación do outro. É un movemento típico dos xogadores e xogadoras cando van tirar a canastra.

A defensa:

Temos que evitar correr dun lado a outro desordenadamente e polo tanto, utilizar unha posición na que as pernas estean semiflexionadas, cos brazos ao frente do corpo, preparados para calquera incidencia.

Fíxate nos dous xogadores de atrás. Esa é a posición.
 









Como xogamos II

Básicamente utilizando as técnicas amosadas no apartado "Como xogamos I", pero sen cometer faltas.

Se falamos de faltas faremos dous grandes grupos:

1. O grupo das faltas leves, chamadas violacións. Estas faltas teñen que ver coas técnicas de Como Xogamos I. Todas estas faltas van significar que o balón é para o outro equipo que vai sacar de banda ou ben da liña de fondo.

Entre estas faltas están: os pasos, os dobres, o pé, os tres segundos na zona contraria, superar os 24 segundos que temos para arrancar unha xogada e chegar á canastra contraria para encanastrar ou regresar ao noso campo, volvendo a pasar a liña central cara atrás. Este chámase campo atrás.

2. O grupo das faltas graves. Son as faltas persoais, antideportivas, técnicas e descalificantes.

Normalmente castigaríanse con tiros libres e saque de banda. De todas elas as máis graves son as descalificantes. Como o nome di, suporán a expulsión do xogador ou xogadora.

Clica sobre as imaxes e verás todos os tipos de faltas propias do baloncesto.



https://youtu.be/DPlqEHG_BQkhttps://youtu.be/kMZOBQPtD0I

Un aspecto que neste momento non me parece interesante son as posicións na cancha. O obxectivo é que todo o mundo utilice toda as partes da cancha e participe de todas as zonas, técnicas... Xa vos definiredes cando sexades maiores.


Imos agora facer un test sobre os contidos que viches nos vídeosque enlazamos. Copia cada unha das preguntas e  resposta. Logo entregas o exercicio co nome, curso e data.

Creative Commons License

venres, 6 de abril de 2018

ACTIVIDADES PARA BÁDMINTON

COMPROBEMOS OS NOSOS COÑECEMENTOS SOBRE O BÁDMINTON

1. Dime se é verdadeiro ou falso.


O bádminton naceu nunha festa nunha mansión inglesa, a fins do século XIX.

As medidas do campo adulto son as mesmas ca as utilizadas en Primaria.

A rede en Primaria colócase a 1,55 metros.

En Primaria os partidos son mixtos e sempre se xoga en dobres.

Os volantes poden ser sintéticos e tamén usar plumas de ganso.

O saque totalmente regulamentario farase en diagonal.

Tocar o corpo dun compañeiro co volante é falta.

En bádminton só debemos utilizar o saque longo.

Os golpeos son Clear, Drop, Remate, Lob, Deixada, Saque e Drive.

Se un volante vai cara a túa esquerda e ti es diestro/a utilizarás un golpe de dereita.

Se un volante vai cara a túa dereita e ti es diestro, darás un golpe de dereita.

No movemento de pernas poderás cruzalas se o consideras oportuno.

O pulso non é un elemento fundamental no bádminton.

O volante non pode ser empurrado nin retido na raqueta.

O obxectivo fundamental é pasar o volante por riba dunha rede para que caia ao chan do campo contrario.

Os partidos con rapaces e rapazas xóganse a 3 sets de 15 puntos cada un.




** Como segunda actividade propóñoche clicar no enlace e tentar resolver a seguinte actividade deseñada por Antonio Ferrer Moreira.





http://chiscos.net/almacen/lim/baddefintivo/baddefintivo.html Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivatives 4.0 International License.

mércores, 4 de abril de 2018

O BÁDMINTON e MINI-BÁDMINTON

O BÁDMINTON NA ESCOLA

O bádminton é un deporte elegante e extremadamente rápido. 
Os partidos son moi emocionantes.Vás ver un espectacular vídeo ilustrativo do que che conto. Clica sobra a ligazón.

https://youtu.be/F8LgRMGLSxs

* Breve historia do Bádminton. As orixes.

   Din que este deporte naceu nun momento de festa. Como sempre o ser humano busca o modo de disfrutar, sexa ou non de maneira competitiva. Éste é un deses casos, un tanto especial, certamente, pois del nace o deporte que nestes días estamos practicando nas sesións de Educación Física.

   Imos pois: Din que durante unha festa, alá polo fin do século XIX, ao ver que chovía, alguén (soldados ingleses), colleu unhas raquetas, pero... Non quedaba outra que xogar dentro. Entón utilizar unha pelota era un tanto complexo e posiblemente todo o mobiliario, ventás e demais correrían o risco de seren destragados a pelotazos. O inxenio dun destes soldados deulle a idea de coller as rollas das botellas de champagne da festa. A estas rollas colocáronlle unhas plumas. Con estas rollas emprumadas e unhas raquetas comezaron a xogar unha especie de tenis lento... Aquí temos o primeiro bádminton. Hoxe, os volantes que utilizamos son similares, en forma, a esas rollas emprumadas. Se foses un ou unha profisional terías que xogar con volantes feitos con prumas, como o da imaxe que che amoso.
   

Volantes de plumas. Imaxe de Pixabay


 Agora imos co nome. O nome que recibe o deporte é o da mansión inglesa no que se practicou por vez primeira nesa festa con champagne. A mansión chamábase Badminton House. Unha casa do Duque de Beaufort.


Este é un deporte olímpico desde as Olimpiadas de Barcelona do 1992, pero de xeito incompleto. Só era olímpico en individuais. O de dobres esperaría ata 1996, ano das Olimpiadas de Atlanta, en Estados Unidos.

* Que imos precisar para poder xogar? 

   Como eu digo sempre, para xogar basta un pouco de imaxinación e ganas, anque aquí é imprescindible algún material e mellor que xogues dentro. O vento, aínda que sexa frouxo pode complicar calquera traxectoria e xogada que pretendas. Entón atende á listaxe que che facilito:


- Volantes e raquetas de bádminton. Con estas dúas cousas, que podes conseguir por pouco diñeiro, e cunha calidade máis que aceptable para iniciarte neste deporte, xa podes xogar. Os volantes que che aconsello son os sintéticos, pero non os collas nunha xoguetería. Hai marcas económicas que son estupendas e resistentes. Habitualmente veñen en tubos de 6 unidades. Os outros están feitos con prumas de ganso. A raqueta que aconsello é a de mango longo. En dúas sesións estarás perfectamente acostumado ao traballo con elas. Se comezamos con curtas pasaremos, en pouco tempo por outra adaptación innecesaria, na miña experiencia e opinión.


Raquetas bádminton-Imaxe Pixabay


- Unha rede, no seu defecto, nós utilizamos unha goma elástica de marcaxe. Esta goma terás que colocala, se podes 1,20 ou 1,30 metros de altura.

- Uns amigos ou amigas, xa que en bádminton os partidos poden ser masculinos, femeninos e mixtos.

- No bádminton adulto a pista mide uns 13 m. Realmente mide 13,40 metros de longo por 6,10 de ancho. Podes marcala en area ou terra cos propios pés. O ideal é que teñas preto unha pista coas liñas marcadas. A pista terá este deseño:





- A liña lateral máis exterior é a que encerra a pista de dobres.
- A liña lateral interior e paralela á de dobres é a final da pista de individuais.
- A liña que vés máis atrás e lonxe da rede é unha das liñas de saque, a de saque longo.
- A liña que está máis preto da rede (liña central), e paralela a ela é a liña de saque curto.

Loxicamente o saque curto, como ben sabes xa, tén que facerse preto da rede.

Na escola a pista de adultos que estás vendo pode dividirse en dúas pistas, ao ancho. Unha a cada lado da rede.
Na escola os equipos sempre son mixtos e xógase en torneos de dobres.



* Regulamento para a escola, consellos e aclaracións.

 O bádminton non é tenis. Non podes xogar con todo o brazo ou moverte en bloque. O manexo do pulso é o que vai definir a un bo xogador ou xogadora e ao mesmo tempo o que lle vai dar velocidade aos golpes.
Na escola sempre equipos mixtos e xogamos dobres, como dixemos anteriormente.

Imaxe de Flickr.com-obtida pedindo uso non comercial e con modificación.


- Os partidos xogaranse a 3 sets de 15 puntos cada un. A diferencia entre o gañador e o que perde ten que ser de dous puntos. Se chegamos empatados seguiremos ata 21. Se volvemos a chegar igualados, gaña o que primeiro logre o 21.
- Cada set deberedes cambiar de campo.
- Se hai que xogar o set nº 3 o cambio farase no medio do mesmo, ao chegar ao punto 7.
- Se ti sacas e gañas o set, lembra 21 puntos cunha diferenza de dous, ademais de cambiar de campo, terás que ser quen saque de novo. É dicir o gañador tén dereito a saque.

 O obxectivo fundamental do bádminton é facer que o volante pase por riba da rede.

- Se o volante cae ao chan no campo contrario o punto será para nós.
- Se o volante golpea o corpo ou a roupa dun xogador cometemos falta.
- Se o outro tenta devolvela e a bota fóra, conseguirás punto. As paredes, os laterais, se son tocados, significan fóra. Se golpeas a alguén de fóra da pista tamén é punto.
- As faltas da outra persoa son puntos para nós.
- Cando se saca, non se pode axudar, se estamos xogando dobres, e non se pode golpear dúas veces, en caso de que non logremos que o volante pase directo de saque.
- O volante non pode pasar por debaixo da rede.
- En xogo, quen golpee o volante, terá que conseguir envialo, con ese único golpe ao outro lado. Lembra que tés que golpear e non empurrar o mesmo.
- Nós sacamos desde calquera lado, desde a parte de atrás da pista, sabendo que o saque regulamentario é en diagonal ou en cruz. Se estamos na parte dereita da pista sacando, o volante tería que ir cara a esquerda do outro campo.

   Lembra que nesta etapa da aprendizaxe, o importante é conseguir sacar e enviar o saque por riba da rede. Non importan tanto os lados, cruces e demais. Ese será un segundo estadío, no que xa os meus movementos estarán totalmente automatizados. Entón serei quen de descompoñelos e analisalos.

- Cando golpees o volante, en saque, tanto no longo como no curto, faralo por debaixo da cintura e coa cabeza da raqueta máis baixa ca o mango. Aconsélloche estirar bastante o brazo que suxeita o volante e  frear o brazo da raqueta como se estivese atornillado ao noso costado. Dese modo a cabeza da raqueta vai coincidir co volante e golpearás sen problema. O saque longo soe ser un dos movementos que máis vos custa.

- Nós moverémonos pola pista libremente. O importante é lograr devolver o volante.
- Non estires o dedo índice cando agarres a raqueta. Non che vai permitir xogar co pulso.
- Divide o corpo en dúas metades. Se es diestro, todos os golpes que vaian cara a parte dereita do teu corpo daralos con golpes de dereita. Se van cara a esquerda do teu corpo farás reveses.
- Divide o corpo verticalmente en tres. Zona alta, media e baixa. Así poderás medir e escoller o golpe máis axeitado.
- Non permanezas estático, nin coas pernas completamente estiradas. Móvete como un espadachín ou un bailarín, sen cruzar nunca os pés e regresando inmediatamente ao centro da pista que defendes.
- Cambia o tipo de golpes que utilizas. Mestura longos, altos, medios, baixos, deixadas, remates... Vendo cal é a parte da pista máis fácil de atacar. Se o outro se vai atrás, golpea velozmente cara a parte dianteira; posiblemente o atopes descolocado e consigas puntuar.
- Non podemos tocar a rede.
- Como en Voleibol, tamén hai invasión. Non podemos pasar ningunha parte do corpo ao lado contrario por debaixo da rede.
- Non se pode bloquear, como facemos en Voleibol. Se colocas a raqueta diante, para impedir que o volante pase será outra falta.
- A raqueta non pode pasar sobre a rede para golpear o volante.
- Se xogades dous compañeiros, sé xeneroso, deixa que tamén golpee aqueles volantes que vaian altos e cara atrás, e cada poucos puntos cambiade a posición.

Aquí enlazamos outro vídeo co regulamento en acción. Clica sobre o enlace.

 https://youtu.be/IaQRWYZQcF0

* O nome dos golpes en bádminton.

En bádminton temos estes golpes típicos. Imos explicalos un pouco, anque nós traballamos doutro xeito, falando de golpes fortes, frouxos, longos, freando ou non a raqueta, variando así o alcance do volante.

1. Saques: curto e longo.

Pode ser longo ou curto. Normalmente o longo é un saque en que a raqueta vai moverse de atrás a adiante e de abaixo a arriba, case como o saque de seguridade en voleibol. O saque longo faise cun golpe de dereita. Normalmente faise desde o fondo da pista, detrás da última liña.

O saque curto faise desde a liña central paralela á rede e soe ser un golpe de revés. Faise desde preto da rede porque non soe acadar tanta forza como o longo.

2. O Clear.

É o golpe máis longo que podemos dar. Se o volante vén moi alto e forte, tanto que nos temos que ir colocar ao fondo da pista, imos ter que facer tamén un golpe longo e forte. O volante terás que golpealo o máis alto posible.

3. Drop.

Drop en inglé significa gota, polo tanto ese é o obxectivo. Facer un golpe como o Clear, pero facendo que o volante caia cerca da rede no campo contrario. É un golpe para enganar ao outro. Neste caso a raqueta ten menos percorrido ca no clear. Queda máis vertical, é dicir moverás menos o pulso cara adiante.

4. A deixada.

A deixada é complexa de facer. Tés que ter un bo dominio da raqueta e os pés, para non teres que pensar nos movementos. Aquí concentrámonos en deixar a pluma morta na rede, colocando a raqueta case vertical, para que caia na zona máis adiantadas e cercana á rede do contrario. Como ben sabes, tés que estar pretiño da rede, á hora de executar este golpe.

5.O Lob.

Imaxina que o teu contrincante está preto da rede e ti tamén. Nese momento tócache golpear e vés que a parte de atrás do outro campo está desprotexida. Entón fas un golpe cara ese lugar. Normalmente a traxectoria é de abaixo (parte inferior do corpo ou media. Lembra que dividimos o corpo en tres partes) a arriba.

6. O remate.

Seguimos cerca da rede. Temos un volante alto e queremos tirar en picado cara abaixo á máxima velocidade posible. Podes facelo incluso saltando. A velocidade do volante é enorme.

7. O Drive.

Agora estamos centrados no noso campo. Este golpe, ao contrario que o Clear, non leva traxectoria en globo ou curva. Agora golpeo forte de modo que o volante vaia recto e forte cara a parte media do outo campo tamén.

Non te preocupes en aprender os nomes. Xoga, logo xa os identificarás.
Os  vídeo explicativo que vas ter a continuación axudarache a entender todos os golpes.

     https://youtu.be/_5aPOb41glo



Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivatives 4.0 International License.

AS PREGUNTAS PARA O TABOLEIRO DE 6º E 5º



AQUÍ VAI A BATERÍA DE PREGUNTAS PARA O VOSO TABOLEIRO
 
Comeza co A O alimento líquido por excelencia. Inodoro, incoloro e insípido
Comeza co B No baloncesto e balonmán falo co balón.
Comeza co C Os e as que compiten son os ou as...
Comeza co D Úsanse nalgúns xogos para botar a sortes ou para saber cantas casiñas mover.
Comeza co E Deporte no que se precisan máscaras e floretes.
Comeza co F Se fas algo antiregulamentario cometes unha.
Comeza co G Alimento do que non debemos abusar, se queremos comer equilibradamente.
Comeza co H Pódese xogar sobre 4 rodas ou ben sobre xeo, golpeando unha bóla con bastóns.
Comeza co I Material que ten plumas e pode golpearse ou lanzarse.
Comeza co K Nome de arte marcial.
Contén o L Así se chaman as técnicas que axudan a que nos tranquilicemos. Técnicas de...
Comeza co M Se fas deporte exercítalos. Sen eles non poderías mover os ósos.
Comeza co N Apelido dun famoso tenista español.
Contén o Ñ O que gaña.
Contén o O Persoa á que tés que ir para que vixíe a túa saúde.
Contén o P Deporte orixinario de Brasil, baseado nun arte marcial que se fai como unha danza.
Comeza co Q Se acertas todos os resultados podes ser rico ou rica.
Comeza co R Instalación deportiva que se utiliza para practicar escalada.
Comeza co S Deporte que utiliza unha táboa para desprazarse sobre as ondas.
Comeza co T Bicicleta para dúas persoas.
Contén o U Necesitámola para as coreografías.
Comeza co V O ou a que non perde.
Comeza co W Torneo sobre herba que se celebra en Inglaterra.
Contén o X Nese lugar os bólidos de Fórmula 1 repostan ou repáranse.
Contén o Y Deporte nacido en Inglaterra que utiliza un balón non redondo.
Comeza co Z Se te subes neles terás que gardar o equilibrio. Permítenche camiñar como un xigante.

Creative Commons License

This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivatives 4.0 International License.

PASANDO PALABRA - O TABOLEIRO

EDUCACIÓN FÍSICA E SAÚDE



Imos construir o noso rosco, que vai ser rectangular, para utilizar como xogo para os días en que o polideportivo se volve perigoso ou cando as alertas meteorolóxicas impiden o normal desenvolvemento das sesións.

Materiais:

Unha lámina de cartón pluma de 50 x 70. Cortadas á metade dá para facer dous taboleiros, anque este tipo de cartón é moi delgado.
Silicona líquida de uso escolar.
Tantos tapóns de botellas de auga na que colocar as letras do abecedario para cada cadrosco. Todos dunha cor. O preferible e máis común é o azul.
Fichas de parchís verdes e vermellas, incluso feitas con plastilina en clase. Eu comprei minpomóns verdes vermellos.
Un paquete de etiquetas redondas, parecidas aos gomets.
Un rotulador permanente ou letras adhesivas.





foto feita por min. Minipompóns
 




Construción:

Colocamos, sen pegalos ao primeiro, os tapóns, coa parte de fóra posta sobre o cartón e a parte fonda cara nós.
Cando estean colocados equidistantes, iremos pegando un a un.
Dentro dos tapóns pintaremos as etiquetas brancas redondas, nas que escribiremos letras con rotulador medio groso negro ou letras adhesivas se fosen dun tamaño axeitado.

Inclúense fotos cos pasos que se siguen e os materiais.

O Xogo:

Cada vez que acertemo unha resposta meteremos unha ficha verde no tapón coa letra correspondente. Se fallamos a ficha será vermella.
Non existe a posibilidade de pasar palabra.

TRABALLANDO SOBRE VOLEIBOL E MINIVOLEIBOL

AGORA TOCA RESPOSTAR A UNHAS CANTAS PREGUNTAS PARA VER O QUE APRENDEMOS. NON TEÑAS SÓ COMO REFERENCIA O QUE LEAS. LEMBRA O QUE APRENDICHES EN CLASE.


1. Onde e cando nade o Voleibol?

2. No Minivoleibol cantos xogadores se enfrontan? 

3. Cantas persoas xogan nun partido de Voleibol?

4. Anota os materiais que necesitamos para xogar a voleibol.

5. Cóntame cinco regras que consideres importantes en voleibol.

6. Cales son os principais golpeos en voleibol?

7. A cantos sets se xoga un partido de minivolei? Cantos puntos ten cada un?

8. Como conseguirías punto nun partido de voleibol ou minivoleibol?

9. Conta todo o que saibas do saque.

10. Se o outro equipo acaba de sacar, por seguridade, que movemento ou golpeo deberiamos de utilizar?

11. Cantos golpeos pode utilizar o noso equipo despois de facermos un golpeo?

12. Explica que é a rotación.

13. A persoa que inventou o voleibol baseouse noutro deporte, en cal?

14. Que variantes coñeces do voleibol? Que instalacións necesita cada unha delas?




** Agora imos acceder a unha actividade LIM relativa a este deporte. Tenta resolvela.

Esta actividade foi deseñada polo mestre Francisco Luis Bache Bernal do colexio CEIP PRINCESA SOFÍA de Sanlúcar de Barrameda.

LIM SOBRE VOLEIBOL


Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivatives 4.0 International License.

luns, 2 de abril de 2018

O VOLEIBOL E O MINIVOLEIBOL

* ¿Que é o Voleibol?




O Voleibol é un deporte de equipo no que se enfrontan dous equipos de seis xogadores cada un, nunha pista separada en dous campos por unha rede situada a unha altura de 2,43 m para homes e 2,24 m para mulleres.

Imaxe xentileza de Pixabay.


* ¿Que é o Minivolei?

O Minivolei non é outra cousa que unha adaptación do voleibol, un deporte adulto, aos nenos e nenas de Primaria.
No Minivoleibol enfrontaríanse 4 contra 4 e a rede estaría a menos altura, concretamente a 2,10 m.
O campo mediria 12 m de longo por 6 de ancho ou incluso poderiamos utilizar un de 9 por 4,5.

O obxectivo, igual ca no Voleibol, é pasar un balón por riba da rede ao campo contrario, facendo que caia ao chan no outro campo ou que ao tentar controlalo o equipo contrario o boten fóra.

* ¿Como naceu o Voleibol?

Este deporte nace nos Estados Unidos de Norteamérica. O seu inventor foi un mestre e director de Educación Física chamado William G. Morgan, aló polo 1895. William, baseouse noutro deporte, o tenis, pero quixo facer algo distinto e máis sinxelo. Colocou a rede bastante máis alta, a 1,98 m e eliminou as raquetas. O único instrumento que se utilizaría para golpear sería o propio corpo.Hoxe, como se dixo antes, a rede está algo máis alta. Digamos que a talla do ser humano é un pouco superior, así como as melloras introducidas por entrenamentos específicos. Hoxe en día os xogadores e xogadoras de Voleibol son moi altos e altas e sumamente hábiles. Unha rede a tan pouca altura non lles suporía ningún esforzo superala.

* ¿Que precisamos para poder xogar a Voleibol ou a Minivoleibol?

 O punto de partida debería de ser sempre pasar un bo intre cos amigos. Se xogamos dun xeito relativamente informal o único preciso sería:

- Un terreo de xogo, interior ou exterior, no que poderiamos ter xa debuxadas as liña de campo ou no que nós as marcariamos, por exemplo sobre terra ou area...
Imaxe de Pixabay
- Dous simples postes, árbores...
- Unha corda ou unha goma que nos faga as veces de rede.     
                                                                                 
- Un grupo de amigos e amigas.      

** Para xogarmos dun xeito regrado:


Imaxe de Pixabay


- Unha pista coas liñas e medidas regulamentarias.
- Unha rede de Voleibol á altura que marcan as regras.
- Un balón de Minivolei.
- Dous equipos de 4 xogadores ou xogadoras cada un.

Balón de Voleibol. Imaxe de Pixabay


* Un regulamento explicado e aplicado aos nenos... e baseado no da Real Federación de Voleibol.  Regras, consellos, medidas de seguridade...

 A complexidade é o peor inimigo do xogo. Sexamos polo tanto simples. Buscando esta sinxeleza o regulamento quedaría deste xeito na nosa aula:

1. O xogo iníciase cun saque desde detrás da liña traseira do campo do equipo que tén o balón, sen pisar a liña. En todo caso o importante é que poidamos superar a rede, polo que cando estamos empezando podes adiantar a liña se o necesitases.

2. O saque que utilizaremos, preferiblemente, será o de seguridade ou ben o lateral. O control das traxectorias do balón é máis preciso, así como menor o impacto articular e risco de esguinces. Lembra golpear sempre co talón da man e cos dedos da mesma moi xuntos.

3. Cando o outro equipo fixo un saque cara o noso campo debemos recibilo sempre co golpe de antebrazos.

4. Durante o saque o balón non deberá tocar a rede e ningún xogador do noso equipo pode axudar, con outro golpeo a botar o balón  por riba da rede.

5. Durante a disputa dun tanto o balón sí que pode tocar a rede. Estamos entón moi antentos e atentas porque a rede pode facer variar a traxectoria do balón e marcarnos un punto.

6. A rede non é a nosa amiga. Non poderemos tocala  e tampouco facer pasar por riba ou por debaixo dela ningunha parte do corpo. Se esto ocorre cometemos unha falta chamada invasión.

7. O número máximo de golpeos que podemos dar entre os que formamos o noso equipo é de tres. Se desemos máis sería punto para o outro equipo.

8. O máis difícil é que sexas quen de golpear realmente o balón. Se se observa que se che "pega" ao corpo e que fas un empurrón ao mesmo, consideraríase outra falta chamada retención.

9. Se os contrarios conseguen que o balón toque o chan no noso campo será punto para eles.

10. Se durante o xogo golpeamos o balón e o botamos fóra tamén conseguirán un punto.

11. Mentres un equipo vai logrando puntos estará sacando seguido. Podes ver un compañeiro ou compañeira que saca 5, 6 ou máis veces, conseguindo o seu equipo un punto en cada un dos xogos que arrancaron con ese saque. Polo tanto un compañeiro que estea sacando farao mentre non falle.

12. No momento en que o equipo contrario falle o balón regresa ao noso campo. Nese intre nós faremos a chamada rotación.

13. A rotación é un movemento que realiza o equipo que recupera o balón e que se executa no sentido das agullas do reloxo, ocupando cada un de nós o posto inmediatamente seguinte ao que ocuparía a agulla dun reloxo.

14. Un partido xogaríase a tres sets de 25 puntos cada un.

15. Non vos coloquedes en filas perfectas. Movédevos por toda a zona de pista que vos corresponda. Os ocos que queden libres serán dianas para o balón dos demais.

16. Evitade estar esperando o balón sempre coas mans agarradas e coas pernas estiradas, para executar un golpe de antebrazos. Esta postura impídevos reaccionar con velocidade.

17. No momento en que o outro equipo saca, a liña dianteira do noso equipo ten que calcular a que altura vén o balón. Se o balón vén cara a cabeza dos de diante (zona de ataque), debemos deixalo pasar e que sexan os de atrás (zona de defensa) os que se encarguen de recibir ese saque.

18. Se un compañeiro golpea o balón debe retirarse rapidamente para deixar que outro poida intervir, en caso de que o balón non pasase a rede para o outro campo, para eso temos que seguir o balón coa mirada e colocarnos próximos á persoa que nese momento vai golpear.

Con estas sinxelas regras e consellos podes pasar un estupendo momento de xogo cos compañeiros e amigos.

O Voleibol é un deporte que implica unha grande coordinación entre os membros do equipo e unha excelente forma física, dada a velocidade e forza coa que se executan as xogadas.

Aquí che deixo un enlace a un vídeo presentado por un dos mellores xogadores de Voleibol a nivel mundial. Clica no enlace e poderás velo. Clica enriba del para acceder á ligazón. Este vídeo pertence á REFEVB: Real Federación ESpañola de Voleibol.

http://www.pequevoley.com/videos/video-completo.php

Agora verás un partidiño feminino moi emocionante. Espero que che guste.

https://youtu.be/HmqolAMowKM


* ¿Cales son os principais golpeos no Voleibol e Minivoleibol?

- O saque:

Para nenos e nenas eu prefiro que utilicedes o saque de seguridade ou o lateral, golpeando sempre co talón da man e cos dedos totalmente xuntos. Trátase de evitar sobrecargas, esguinces etc... en articulacións, como as vósas en pleno crecemento.

- O golpe de antebrazos ou recepción.

É o golpe que máis vos gusta.
É o primeiro movemento que faremos cando imos atallar un balón que acaban de sacar desde o campo contrario. Lembra que o saque trae moita forza e velocidade, polo tanto necesitamos enfrontarnos a el de modo contundente e seguro.

Imaxe de Pixabay


Hai tres modalidades deste golpeo: a frontal, a lateral e a de atrás. En todas elas o importante será non cruzar os dedos das mans. Colocamos unha palma dentro doutra e os polegares perfectamente deitados sobre as mans. Outra cousa a ter en conta é que debemos estirar, sen forzar, os brazos, sen soltar as mans, como tentando xuntar os cóbados. Deste xeito teremos unha superficie plana de golpeo na que caerá ese balón que vén de saque. Evita en todo momento golpear cos puños. Fíxate na imaxe anterior e atende á parte dos brazos na que cae o balón. Cando executes a variante frontal, lembra non elevar os brazos por riba dos ombreiros. Fíxate de novo na imaxe que tés enriba deste texto. Trátase de frear o balón do saque para que outro compañeiro poida golpealo e así o teu equipo tentar marcar un tanto.

Na imaxe atende tamén á xogadora que tés no primeiro plano. Está moi atenta ao golpeo da compañeira por se tivera que axudala dando ela o seguinte golpe.

- O golpe de dedos. É un dos máis arriscados pola facilidade coa que se pode producir unha escordadura nestas idades. É moi importante saber que para utilizalo o balón tén que vir con pouca velocidade e moi bombeado, é dicir temos que mirar cara arriba e ver como se dirixe directamente á nosa fronte, vindo como caído do teito. Cando se estea aproximando recibirémolo coa xema de tódolos dedos, golpeándoo cun movemento en que cada man expulsa (golpeando) cunha traxectoria lixeiramente diagonal de cada unha das mans. Nunca o utilices para repeler un saque ou un golpeo forte dun compañeiro. Fíxate nas imaxes que vas ver. Tamén hai unha variante frontal, unha lateral e outra cara atrás.


Golpe de dedos- Pixabay
Toque de dedos-Imaxe Pixabay





 -  O Bloqueo. Sendo que o utilizades pouco, debedes de saber que é unha técnica moi utilizada no Voleibol e tamén en  Minivolei. Salva moitos puntos e aínda por riba non se considera un golpeo. Despois del o equipo tén dereito aos tres golpes regulamentarios. Lembra non tocar a rede e tampouco invadir o campo contrario.

 Na imaxe vés á xogadora da dereita
Remate e bloqueo. Imaxe de Pixabay
facer un remate e ás dúas da esquerda
saltar para un bloqueo.

O home que vés de pé sobre a rede
é o árbitro. Necesita estar a esa altura
para poder ver todo o que sucede na
rede.





- O Remate. Normalmente é o terceiro dos golpes que executa o equipo, buscando sempre o mellor lugar para facer que o balón toque o chan dos outros. Necesita un bo salto e moita potencia de brazos. Se algunha xogadora ou xogador ve a oportunidade de utilizalo de forma sorpresiva pode facelo sen problema. Lembra non superar a liña da rede e tampouco tocala.

- As Pranchas. En ocasións os balóns están lonxe da nosa posición, polo que temos que lanzarnos ao chan, colocando unha man entre o mesmo e o balón. Dese xeito, ao golpear nela evitamos o punto dos contrarios.

* As variantes do Voleibol

Temos dúas básicas e unha nova evolución deste deporte:


Partido de volei pista. Imaxe Pixabay


A. O Volei en pista. Xógase en interior, normalmente en
 pistas polideportivas. Imaxe da dereita.



Partido volei praia. Imaxe Pixabay



B. O Voleibol praia.  Na imaxe da esquerda, xógase como ben adiviñas na area da mesma ou ben sobre area colocada incluso en prazas de onde se queira. Os equipos soen ser de dous xogadores ou xogadoras.






Partido volei neve. Imaxe Pixabay
C. O Voleibol Neve. O deporte evoluciona.
Esta variante xógase sobre unha superficie nevada.
A equipación é especial para evitar o frío e os esbaróns.
Fíxate na imaxe da dereita.




Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivatives 4.0 International License.