luns, 15 de xuño de 2020

SEMANA 15 A 19 DE XUÑO




Bos días a todos e todas.
Esta é a derradeira semana de curso. Espero que todo sigua ben nas familias e casas de cada un e cada unha de vós.

Ogallá teñades un bo verán e lembrade seguir xogando, facendo exercicio e alimentándovos ben.


EN MARCHA ENTÓN UNHA SEMANA MÁIS 


1. Batería de  XOGOS E EXERCICIOS PARA OS MÁIS PEQUENOS, anque todos podemos facelos:

1.1. Encanastrar e o Tragón.

Non precisamos máis ca un caldeiro ou unha caixa que teñamos baleira. Facemos pelotas de papel e, desde unha distancia tratamos de meter canastra. Cando acabemos as bólas contamos as que están na caixa. Cada bóla será un punto. Se alguén se anima facemos unha competición a ver quen consegue máis puntos.


Se o queremos facer un pouco máis complicado decoramos a caixa na que UN ADULTO fará os buratos dos ollos e a boca. Así traballamos plástica tamén. Neste caso teremos que meter as bólas pola boca do noso tragón.


1.2. Rans e serpes:

Alguén terá que suxeitar un mango de vasoira ou algo parecido. 
Nós teremos que saltar por riba ou reptar coma serpes por debaixo. Lembra que non podes tocar o pao con ningunha parte do corpo.

1.3. O reloxo:

Alguén da casa terá que facer xirar unha corda moi baixiña, coma se fosen as agullas dun reloxo. Cando a corda vaia pasar por onda nós teremos que saltar para que non nos toque. Se nos toca e para de xirar temos que ir ao medio e dar nós. Neste caso como son pequenos dará sempre a persoa maior. PARAR CADA POUQUIÑO pois o normal é marearse. Non é necesario atar nada no extremo da corda que non collemos.


A imaxe é de "juegosedufisica.com"


1.4. Roubo a cola ao raposo.

Con dous panos ou dous anacos de tea que teñades pola casa. Colocala na cintura do pantalón ou da saia por detrás, coma se fose a cola dun raposo.
Agora as dúas persoas colócanse mirando unha á outra de fronte.
Non vale fuxir. Temos que tentar quitarlle a cola a quen temos diante sen que nos quiten a nosa.
Se cae ao chan porque a colocamos mal paramos o xogo e volvemos colocala.

A imaxe pertence a "el mercader de juegos"



1.5. Adiviña polo tacto.

Nunha caixa metemos diferentes xoguetes ou obxectos. Se non temos unha caixa colocámolos directametne no chan. Cun anaco de tea ou un pano, asegurándonos de non ver nada tapamos os ollos do ou da  que vai xogar. Colocamos ao xogador/a de fronte aos obxectos. Sen mirar terá que coller un e, co tacto, adiviñar o que é. Teremos tres oportunidades para acertar.
Entre cada xogada temos que remexer os obxectos para que non saiba en que orde estaban colocados.



A imaxe pertencea a "El Bosque del María Moliner Wordpress.com".

Outras opcións son poñer cacharriños con lentellas. pedras, etc... Todos obxectos que coñezan os pequenos ou non poderán adiviñar.

Unha terceira forma é dobrar anaquiños de cartolina, como se fosen pequenas postais. Dentro haberá un anaco de la, un anaco de algodón, etc. Coma antes, mellor ensinarlle os obxectos que se van pegar para que os coñeza.

1.6. O semáforo.

Outra persoa terá tres cartolinas, papeis ou obxectos coas cores verde, vermella e amarela, coma as cores do semáforo. Se nos ensina a cor verde comezaremos a camiñar rápido. Se levantan a amarela teremos que ir a modo e se levantan a vermella teremos que para coma estátuas de pedra.


A imaxe sae de "Wikipedia".











1.7. Equilibristas:

Temos unha folla de xornal ou un anaco de cartón ou un círculo debuxado no chan. Cada quen segundo lle sexa máis fácil. Esta é a saída do xogo. Desde esa figura colocamos unha corda, un cordel, unha raia debuxada na terra... ata unha caixa, unha tina, un caldeiro, etc. Se somos dúas ou máis persoas xogando na casa mellor. 
Colocar tres cordas ou raias e tres cacharros ou caixas no outro lado da corda. Temos que saír, á voz de "XA"  colocando un pé diante doutro pola liña ou corda ata a caixa na que teremos varios obxectos: vasos de iogur lavados, pelotas, bólas de papel, tapóns, anacos de tea... Ao chegar a onda eses obxectos colleremos un e correremos deixalo na nosa zona de saída.

Para ir polo segundo obxecto volveremos a ir en equilibrio pola liña ou corda. SÓ SE PODE CORRER PARA VOLVER COA COUSA QUE COLLEMOS.

A imaxe pertence a "penitenciasyretosblogspot.com".



 













2. Agora os maiores de 3º e 4º xogamos á oca.





Ámbalas imaxes pertencen a "Claudiojiga.wixsite.com/edufis".

3. Para os maiores un enlace a unha oca online. Sigue as instrucións. O propio xogo vai dicirche o que facer. A oca pertence á páxina Genially. NON É NECESARIO REXISTRASE. Escolles unha ficha e lévala sobre a frecha marrón. Despois das clic sober o dado para que cambien os puntos. Cando queiras volves clicar e o dado quedará quedo cos puntos que che tocaron. Entón xa podes levar a ficha á casiña que che toca. Tés que facer a proba que che digan. LE AS REGRAS QUE HAI Á ESQUERDA NO RECTÁNGULO VERDE. Se houbese algunha proba de abdominais lembra flexionar os xeonllos e non poñer NUNCA AS MANS DETRÁS DA CABEZA.


A imaxe sae de "Saber Vivir".


Se fose necesario cruza as mans por diante do peito. Que alguén che agarre os pés. Non fagas moitas repeticións. Con 10 suficiente. É mellor facer poucas unhas cantas veces ca moitas de golpe.

A BAILAR

Esta canción xa ten uns aniños, pero foi un éxito total e seguro que moitos e moitas a lembrades. Os de 4º, 5º e 6º podedes tentalo. Como vedes hai unha nena pequena bailando. O vídeo titúlase "Zumba Fitness Enrique Iglesias Duele El Corazon omurabay&SENA my honey only 7 years old the best ..."

A segunda canción tamén a cantamos todos e todas. Falo de "Sofía", de Álvaro Soler. A coreografía está pensada para nenos e nenas de 8 a 10 anos, pero como digo sempre tamén os demais podemos intentalo. O vídeo titúlase KIDS 8/10 ANS - Alvaro Soler "Sofia"

O terceiro é para os de 1º e 2º. É un baile de "Quero Zumba". Titúlase "Zumba Kids Jr - Mundo de Colores".





¡FELIZ VERÁN
CAMPIONAS E CAMPIÓNS!




domingo, 7 de xuño de 2020

SEMANA 8 A 12 DE XUÑO





O primeiro, coma sempre é desexarvos o mellor e que esta nova semana que comeza sexa unha máis na que todo continúe ben nas vosas casas.

BOA SEMANA A TODOS E TODAS!


Dado que, por sorte, hai xa un tempo que podemos saír e facer deporte e xogar case como antes, vou compartir con vós enlaces a xogos cos que podamos repasar un pouco e por último seguimos bailando.

XOGOS:

1. PARA OS DE 4º, 5º E 6º:  Clica aquí para comezar co rosco de Educación Física. Este rosco pertence ao "CEIP La Jota de Zaragoza".

2. PARA OS QUE ESTADES EN 1º, 2º E 3º. Lembrade que é mellor que esteades con alguén un pouco maior  para que vos bote unha man. Clica aquí para ir ao parque de "Diverland", que é unha parate do proxecto LUDOS.

A SEGUIR BAILANDO:

 1. Os dous primeiros vídeos son para os maiores:

1.1. Primeiro vídeo para 4º, 5º e 6º. Título: "Zumba Kids Clap Stomp Jump" de "Family Friendly Gaming". A calidade de imaxe non é moi boa, pero o baile é bastante sinxelo.

1.2. O segundo vídeo vai resultar familiar para algúns, anque o alumnado que fixo esta coreografía xa está no instituto. o Título "I'M ANALBATROZ |Aronchupa | Andrea Stella Dance Fitness". É un baile moi chulo e enerxético. Se teño que recomendalo sería para 4º, 5º e 6º, sobre todo para 5º e 6º.

2. Os seguintes dous vídeos son para os máis pequenos, anque todos e todas podedes tentar os pasos. é divertido:

2.1. Agora imos cos máis pequenos de 1º, 2º e 3º. Aprender a comer ben é moi importante. Así que imos facer o Baile da Ensalada. O grupo Pica-Pica explícache moi ben o que acabo de dicir. O título do vídeo é "Pica-Pica - El Baile De La Ensalada (Videoclip Oficial)".

2.2. Outro para todas as idades. O título: "Rock Around the Clock", de "Music Express Magazine". Anque o escoites en inglés non vas ter problema, ti só segue os movementos.

sábado, 30 de maio de 2020

SEMANA 1 A 5 DE XUÑO










Bos e calorosos días. Como cada semana unha aperta e os mellores desexos para todos e todas vós.


1. O NOSO CORPO




Hoxe imos aprender sobre o noso esqueleto e ímolos facer con dous vídeos. O primeiro é para os que ides en terceiro, cuarto, quinto e sexto e o segundo é para os máis pequenos e pequenas de 1º e 2º:


1.1. O vídeo para os máis grandes ten pouco máis de dous minutos e fala dos principais ósos do corpo humano. Clica neste vídeo de "Smile and learn en español".

1.2. O vídeo nº dous é sinxelo, por eso imos propoñelo para 1º e 2º como xa dixemos. É de "PinkFong" e aquí traballamos cunha canción titulada "Huesos".

2. A BAILAR

Imos cos nosos bailes. Como cada semana coloco dous. Lembra que non tés que agobiarte. Tenta aprendelos, pero se non che sae non hai problema. O que necesitamos é facer exercicio e só con tentalo xa fas un entrenamento bastante completo.

Aquí van un par de coreografías de DONLUMUSICAL. Os bailes explícaos primeiro sen música, para que sexa máis fácil e ao final fanse completos coa canción.

2.1. Baile 1.

Posiblemente se só les o título, e es un pouco maior, che dea a risa, pero verás que non é tan fácil como pensabas esta coreografía, por eso a recomendo para os que estades en 4º, 5º e 6º. O título de vídeo é "Baile para niños paso a paso "El patio de mi casa" DONLUMUSICAL".

2.2. Baile 2. Aquí vas ver dúas versións da Granxa do Vello McDonald.

Imos á granxa do vello McDonald.Unha do Oeste para cambiar algo de estilo. Tamén é unha coreografía de DonLuMusical. Como el di podes inventar ti a túa propia ou ben cambiar os pasos en que traballan por parellas. Se non tés con quen bailar as palmadas fainas ao aire. Os máis pequenos tamén podedes facela. É máis fácil ca o Baile 1 de hoxe. Recoméndoa para 1º e 2º, anque podemos traballala todos e todas.

AQUÍ VAI A VERSIÓN MÁIS FÁCIL. Para os de 1º, 2º e Infantil é a mellor opción. Titúlase: "Old MacDonald Had a Farm | Dance | Nursery Rhymes with Ready, Set, Sing!". O vídeo pertence a "A* List! English Learning Videos for Kids". De paso que bailamos e facemos os xestos da granxa aprendemos algo de inglés.


3. XOGAMOS E RECICLAMOS



Imos fabricar a nosa colección de xogos, para eso seguimos o que vas ver 10  xogos que se poden facer con tapóns de botellas de plástico que sempre temos na casa. Podemos facer xogos de memoria, selos para decorar, operacións de matemáticas, unhas maracas, un tres en raia, un abecedario, un xogo con letras para formar palabras. Damos as grazas a EUGENIA ROMERO que publicou o vídeo "10 juegos con tapones reciclados". Son fáciles de facer e moi divertidos. ADEMÁIS AXUDAMOS A NON CONTAMINAR A TERRA.

LEMBRA QUE ALGÚN ADULTO TEN QUE ESTAR SEMPRE CONTIGO.

MATERIAL:

- Goma eva
- Rotuladores permanentes
- Algún bote de témpera para usar no canto da esponxa con tinta que utilizan no vídeo.
- Silicona líquida, da que usamos sempre en clase.
- Papeis de cores ou cartolinas
- Tixeiras escolares.
- Botellas pequenas de actimel ou de auga, refrescos...

Vou darche algunha idea para o das maracas. Eles meten tapóns dentro da botella. ti podes meter algunhas pedriñas, unhas pouquiñas lentellas ou arroz...

No xogo das texturas os tapóns teñen que ser dos máis grandes e dentro podedes meter esponxa, algodón, plastilina, pedras pegadas coa silicona e todo o que se che ocorra.



sábado, 23 de maio de 2020

SEMANA 25 A 29 DE MAIO



                                                   



Bos días a todos e todas. Unha semana máis desexo o mellor para todas as familias. Ogallá esteades ben.

UN POUCO DE EXERCICIO

Cun par de vídeos imos facer uns exercicios para poñernos en forma. Valen para todas as idades.
Os exercicios son de "Welcome to My Gym". Están protagonizados por dúas nenas.

Vídeo 1: "Welcome to My Gym 2 | Exercise Song for Kids | Indoor Workout for Children | Time 4 Kids TV".

Vídeo 2: "Welcome to My Gym 3 | Exercise Song For Kids | Indoor Workout For Children | Time 4 Kids TV".

Este terceiro vídeo, en inglés de "Miss Linky", ensina unha táboa de exercicios de forza, elasticidade e flexibilidade. A mioría son sinxelos. OLLO CON ESTO: Ten conta dos exercicios en que se coloca coma unha táboa e no que nesa posición leva o xeonllo a tocar o cóbado. Tamén lembra ter moita conta nos exercicios en que coas pernas cruzadas e sentada no chan vai tocar cos cóbados o chan. Por último coida de facer con coidado o de ir tocar os pés desde sentado/a coas pernas estiradas. Lembra que non hai que forzar ningunha postura. Non tés que tocar os pés se non chegas. Non tés que tocar o chan cos cóbados se ves que che doe. Se pasa eso non fagas o exercicio. Os maiores podedes tentar o da táboa, pero só se sodes capaces de manter o corpo recto de todo. Se vedes que tremen os brazos ou o lombo se vai curvar tampouco o fagades. Clica aquí.


SEGUIMOS BAILANDO

1. A primeira coreografía pertence a "Move Tube Network" e o vídeo titúlase "Kids Learn a Dance to "Can't Stop the Feeling" by Justin Timberlake!"

2. E a derradeira para esta semana é unha coreografía preciosa dunha canción alegre. Non é difícil, así que anímovos a tentar facela. Este baile pertence a "Saskia's Dansschool" e o título é "Black magic - Little Mix - Easy Kids Dance Video - Choreography".



luns, 18 de maio de 2020

SEMANA 18 A 22 DE MAIO





Bos días a todos e todas unha semana máis. Non quero comezar sen desexarvos que sigades ben de saúde e sen pedirvos que vos sigades coidando para así coidar da vosa familia.

Como cada semana deixo á vosa disposición material que selecciono en Internet que considero interesante e útil, de entre os miles e miles que hai colgados na Rede. Espero que sexan de interese e que axuden a que cando medredes o fagades fortes e cheos e cheas de saúde.




A. O noso corpo.

 Hoxe imos empezar a semana de xeito distinto:

1. Imos explicar como funciona o corpo humano. No vídeo que vas ver a continuación explícase, paso a paso, como funciona cada un dos sistemas do noso corpo. Vas aprender facilmente como funciona o corazón e a circulación do sangue, como traballan os pulmóns e que pasa cando comes. Clica en "Los sistemas del cuerpo humano para niños".

2. Quero, neste segundo vídeo lembrar algo importantísimo que é cómo alimentarnos de maneira saudable. Aquí explícannos cómo funciona a pirámide alimentaria e que non esquezas facer deporte e xogar cada día. O vídeo titúlase "Alimentación sana. La Pirámide Alimentaria | Videos Educativos para niños.".


B. A mover o esqueleto. Comezamos con algo máis de baile e logo pasamos aos xogos e a fabricar un pequeno xoguete.

1. O baile desta semana é unha coreografía sobre a Terra, á que non sempre coidamos como debemos.
Vas ver tres vídeos sobre a mesma canción:

* O primeiro é "Coreografia fácil Madre Tierra (oye) primaria / niños". Tal como di o título é a máis sinxela das dúas.

* O segundo está protagonizado por "Zumo Animaciones" e titúlase "Zumo Dance - Madre Tierra, una coreografía llena de energía". A maior parte do baile é fácil e se un dos pasos que vas ver se che complica lembra que podes varialo e inventar un que che vaia ben a ti.

* O terceiro é para os que esteades máis en forma. A versión zumba chea de enerxía. O vídeo é de Alberto Grazioli Ventura. O Título: "Zumba Madre Tierra - Chayanne".

C. A bicicleta. Seguro que é, xunto co balón unha das cousas que máis utilizastes algúns e algunhas. Así que imos lembrar como debemos usar a bicicleta cando andemos fóra da casa con estes dous vídeos de Educa Peques:

* O primeiro vídeo ten por título "Circular con una bicicleta en Educación Vial".

* O segundo trata de como debes coidala, igual que os mecánicos coidan dos automóbiles. LEMBRA QUE TI AÍNDA NON TÉS IDADE SUFICIENTE PARA FACER CERTAS COUSAS. PIDE AXUDA AOS ADULTOS, de todos xeitos pareceume un vídeo que é interesante para que comeces a saber como funciona un fantástico e ecolóxico medio de transporte. O derradeiro consello é A BICICLETA É FANTÁSTICA, PERO DEBES TER MOITO COIDADO CANDO SAIAS CON ELA, os automóbiles non sempre van respectarnos e nós tampouco debemos pensar que podemos facer o que queiramos porque a bici pode meterse case por calquera recuncho. PENSAR ASÍ É PERIGOSO. O vídeo titúlase "Las partes de la bicicleta en Educación Vial".

D. Fabricando xoguetes con papel:

* Un papaventos cun simple paper e cordel. O vídeo que vas ver é de "Techno Kri Art". Titúlase: "A4 size flying paper kite (Superb Fly) ll making paper kite just fly ll fly plane".

* Un avión moi chulo. Sempre que fas un avión tés que ir buscalo a onde caeu. Agora imos ver como facer un avión boomerang. Este avión sempre volverá a onde ti estás. Proba. Non é moi complicado de facer. Se a punta se che fai difícil pide algo de axuda e logo A VOAR. O título é "Cách gấp máy bay boomerang ver 30 | how to make paper boomerang plane | boomerang plane king". Non prestes atención ao que di pois non o entenderás. Só vai vendo como prega o papel.


.

luns, 11 de maio de 2020

SEMANA 11 A 15 DE MAIO






Bos días a todos e a todas. Ogallá sigades ben.

Coidádevos moito e seguide as regras para poder saír con ben desta. Moito ánimo que cada vez podedes facer máis cousas.


A BAILAR.

1. Hoxe imos quedar en Galicia, co primeiro baile. Mira o vídeo clicando sobre a imaxe e aprenderás os pasos básicos da muiñeira ou puntos.


https://youtu.be/J5ZC3vIfcEI

Non podía deixar de poñerche este enlace a unha versión de muiñeira espectacular. A Muiñeira de Chantada bailada a ritmo de Hip-Hop que saíu en tódolos programas de televisión. Con este espectáculo o grupo "Media Punta" quedou subcampeón no "Dance World Cup 2018".


2. A segunda proposta é o vídeo "KIDZ BOP Kids - Best Day Of My Life". Unha coreografía alegre que espero que vos guste.

3. E para que poidades escoller un terceiro vídeo do mesmo grupo anterior. Dous nenos e dúas nenas cantan e bailan unha canción movida e alegre. O vídeo titúlase "KIDZ BOP Kids - Make Some Noise (Dance Along)".


RUTINA DE EXERCICIOS





Agora imos asistir a unha clase na que imos facer un montón de exercicio.

Asegúrate de ter suficiente espazo para non golpearte con nada.
Se cansas para o vídeo e respira un par de minutos.
Os exercicios de estiramento (levar a man ao pé contrario, por exemplo, que vas ver) non os fagas rápido. Baixa a modo cara o pé e ten o xeonllo ben estirado. Nunca poñas as mans sobre o xeonllo para non forzar a articulación. Cando acabes de traballar un lado volve a modo cara arriba.

O vídeo titúlase "KIDS WORKOUT ! Full 25 min exercise routine program for kids and parents lose weight 2019".

luns, 4 de maio de 2020

SEMANA 4 A 8 DE MAIO DE 2020






Comezamos unha nova semana. Non deixedes de facer exercicio. Eu só vos aconsello e trato de dar ideas para que todo o mundo poida estar ocupado, se o precisa, pero aínda que son propostas e consellos, sí debemos manternos activos e activas, facendo un pouco de exercicio cada día.  MOITO ÁNIMO. TENDE COIDADO PARA QUE TODO SAIA BEN.

Seguimos con diferentes apartados. O primeiro vai continuar coa música e o movemento. Aquí van as coreografías:

1. O vídeo titúlase "Coreografía de HIP HOP FÁCIL - Paso a Paso" . Explícanvos pasiño a pasiño como facer os diferentes pasos. A tentalo.

2. A ver que che parece esta en que bailamos cos Mínions.

Máis xogos que podemos facer:

1. Vas precisar que che axude outra persoa. Este xogo fixémolo en clase. Tés que ser rápido/a:

* SIMÓN DI:

Lembra que a frase que hai que dicir sempre é a mesma: "Simón di que...". Así as ordes de "Simón" poden ser:

- Simón di que te deites no chan boca abaixo.
- Simón di que deas un brinco.
- Simón di que botes unha pelota.
- Simón di que vaias tocar algo branco, verde ou da cor que queiras.
- Simón di que xires coma un peón.
- Simón di que camiñes coma unha ra, can, canguro... Escolle o animal que queiras.
- Simón di que fagas unha pelota de papel e que a encanastres nun caldeiro, ou lugar que podedes escoller...

Como podes ver as ordes que podemos dar son moitas. Só temos que ser creativos/as.

*SEGUIR PISTAS:

En anacos de papel poden escribir unha especie de adiviñas. Podemos poñelas sobre unha mesa, nunha caixa... Imos collendo a adiviña e ao lela imos atopar o obxecto que pensamos que pode ser. Se nós non sabemos ler aínda, pode axudarnos unha persoa maior da casa.

Por exemplo:

Os ollos da casa son, por elas vén o Sol saudarnos aínda que esteamos no salón.

O que teremos que ir tocar é unha ventá.

* O OBXECTO AGOCHADO:

Alguén pode agochar un obxecto pola casa. Movémonos libremente, pero só saberemos se estamos preto con axuda de dúas palabras. A persoa que o agochou vai ir dicindo "Quente" se estamos achegándonos ou "Frío" se estamos lonxe.

*ORIÉNTOME CO CORPO:

Os días que faga sol podes tentar aprender como orientarte co corpo. Sae a mediodía fóra e colócate de costas ao Sol. Sabemos que o Sol sae polo leste. Cara onde sae o sol poñemos a man dereita. Entón a nosa man esquerda estirada diranos onde está o oeste, que é por onde se pon o sol. Diante de nós estará o norte e detrás de nós o sur. Clica sobre a rosa dos ventos para ir a un vídeo explicativo sobre o que che digo.


https://youtu.be/qbRORcvtm64


- Xogo 1:

Daremos un número de pasos cara cada un dos puntos cardinais.

- Xogo 2:

Camiña ao norte, cara o sur, cara o leste ou cara o oeste e toca un obxecto que estará nesa zona ou explica o que hai alí. Tamén neses lugares podes ter un material para xogar e por exemplo:

- No norte podes patinar.
- No sur saltamos á comba.
- No leste xogamos coa pelota.
- No oeste xogamos ao peón, á goma, facemos malabares...

Podes ir cambiando a actividade segundo che apeteza.

- Xogo 3:

Para os maiores do cole. Este xogo sí necesita que alguén vos axude coas pistas e coa colocación do tesouro. Podedes tratar de debuxar un croquis da  casa e os seus arredores, sempre e cando sexan lugares aos que se permite ir dentro do estado de alarma. No croquis podemos darlle un nome a cada estancia: a cova da serpe (pode ser o garaxe ou un lugar parecido), a montaña do voitre negro (pode ser a cociña), etc... Invéntaos ti. En cada estancia, nun papel dobrado haberá as instrucións para facer unha proba e outro no que che din a que cuarto ou lugar terás que ir despois. poñemos un punto de partida. Comeza o xogo por exemplo indo á "Montaña do Voitre Negro". Na montaña haberá que facer un xogo ou superar unha proba. Se o logramos collemos as instrucións para ir ao seguinte lugar. O xogo remata cando cheguemos á última estancia onde estará o tesouro. Pode ser unha caixa que teñamos na que alguén nos metese xogos, ou xoguetes, un libro... Ou un pouco de todo.



Lembra que un croquis é un debuxo (Non ten que se exacto), da túa casa como se lle quitases o tellado e puideses vela desde o aire.

luns, 27 de abril de 2020

SEMANA 27 ABRIL A 1 DE MAIO




Bos días a todos e todas!

Hoxe é o segundo día en que podedes facer exercicio e xogar a unha distancia de un km da casa. Aproveitade para usar as bicicletas, os patíns, o patinete ou o balón, pero lembrade que non podedes compartir xogos nin xoguetes con ninguén. PENSADE EN QUE TEMOS QUE SEGUIR MELLORANDO E NON VOLVER PARA ATRÁS. COIDÁDEVOS E TODOS ESTAREMOS BEN. Sei que é difícil aprender estas novas normas, pero ao mellor así podemos volver a xogar como antes. MOITO ÁNIMO.

Como só podedes saír unha hora ao día, imos seguir con actividades para facer na casa se queredes.

COREOGRAFÍAS PARA HOXE:

Hoxe imos traballar con dous vídeos.

O primeiro vídeo dura uns 21 minutos e componse de 9 cancións. Algunhas van ser moi coñecidads para ti. Non te fíes do título. Vai aprendendo os pasos e logo. segundo avances, trata de facer todo seguido. Título do vídeo:" Coreografías infantiles".

Vai agora unha pequena e alegre coreografía que ten de título as notas musicais. O grupo encargado do baile é "CantaJuego". clica neste título: "CantaJuego Do Re Mi".

UNHA TRADICIÓN MILENARIA







Millóns de persoas en todo o mundo practican series de exercicios dunha disciplina chinesa chamada Tai-Chi. Hoxe deixo para ti un vídeo para iniciarte neste deporte. Lembra levar o lombo dereito e prestar moita atención a facer os movementos a modo e a respirar profundamente. Fíxate como e cando respira a persoa que fai o vídeo. Toma o aire polo nariz e expúlsao pola boca. O vídeo titúlase "Top 10 Tai Chi Moves for Beginners". Practica estes movementos cada día ata que non teñas que esforzarte e che saian suaves e moi seguidos. Entón poderemos continuar.







Licencia Creative Commons


domingo, 19 de abril de 2020

SEMANA 20 A 24 ABRIL DE 2020










OGALLÁ TODO SIGA BEN NAS VOSAS CASAS. SEGUIDE COIDÁNDOVOS MOITO.


 CAPOEIRA

 Imos empezar hoxe cunha actividade que mestura música moi rítmica con movementos semellantes aos das artes marciais. Neste vídeo vas aprender os movementos máis importantes, feitos por nenos e nenas de diferentes idades. HOXE TOCA CAPOEIRA.


https://www.youtube.com/watch?v=BI_3bkY3mO4&pbjreload=10


Agora vai un segundo vídeo en que vas poder disfrutar dunha coreografía de capoeira completa feita por un mestre. NON TENTES REPRODUCILA. Estes movementos necesitan ser aprendidos e practicados durante tempo baixo a supervisión dun especialista neste deporte.

Por último unha pequena demostración por parellas ao aire libre.


MINIGOLF

 QUE CHE PARECE SE XOGAMOS UN POUCO AO GOLF?

 Case calquera xogo ou deporte pode ser adaptado para xogar en calquera lugar e con calquera material que teñamos á man. CASE NADA PODE IMPEDIRNOS XOGAR E PASALO BEN.


                                     








Está claro que non imos facer buratos pola casa ou pola horta, entón, que utilizar?

Como paos de golf unha vara ou unha vasoira que estea un pouco destragada.
A nosa pelota pode ser calquera que teñamos de tamaño pequeno. En caso de que non teñamos unha pequena podemos utilizar unha pelota de goma ou un balón que non sexa duro, para que non pese moito.
Como "buratos" seguro que tés botellas baleira, pedras ou similar. Podes poñerlles números e ilas colocando por todas partes. Os números poden ser do 1 ao 9 ou 10. Sería suficiente.
Lembra que terás que ir dun  número ao outro co menor número de golpes posible. Non podes parar a pelota sobre a marcha. Tés que deixar que pare ela. Desde aí darás o seguinte golpe.

IMPORTANTE. NON XOGUES ONDE HAXA OBXECTOS QUE POIDAN ROMPER.

Vou facer tres propostas de construción de campos de minigolf. As dúas primeiras moi sinxelas, a terceira é de Bricomanía.

 Outra posibilidade é montar un circuito de minigolf con cartón e cola. Verás que sinxelo. Damos as grazas á "Cocina de Pilu". Despois coloca as pezas como ti queiras. Con elas e colocándoas de diferentes maneiras podes ter varios circuitos diferentes cada vez. Tampouco deixes de ver este outro AÍNDA MÁIS SIMPLE E SINXELO campo de minigolf, en pequeno espazo e con só un cartón ou unha esterilla apoiada nun extremo nunha pequena caixa de cartón. Facer tres buratos e listo.

Como curiosidade visualiza un vídeo dun programa moi coñecido no noso país que é "Bricomanía". Constrúen un campo de minigolf no xardín. Se alguén se atreve pode variar os materiais.

Por que non ves este vídeo en que xogan  expertos en minigolf. É impresionante.


COREOGRAFÍAS

 Non esquecín o noso recuncho de baile.Vou enlazar tres coreografías:

1. A primeira canción é outra versión de "Resistiré" feita por dúas mozas (GENTSANA). Creo que che vai gustar moito.

2. A segunda coreografía utiliza unha canción de Queen "Wi Will Rock You". É unha coreografía moi sinxela que creo podemos facer case todos e todas.

3. A terceira e última por hoxe é "D'ont Worry be Happy".  É unha coreografía alegre e simpática na que practican nenos e nenas dirixidos e dirixidas por un mestre.




Licencia Creative Commons

martes, 31 de marzo de 2020

DEPORTE E XOGOS PARA FACER SEN SAÍR DA CASA




NESTE MOMENTO, CASE RECÉN ENTRADO 2020, ESTAMOS PASANDO POR UN MOMENTO MOI COMPLICADO.

A NOSA FORMA DE AXUDAR É  QUEDAR NA CASA E SEGUIR TRABALLANDO, PARA CANDO A NOSA VIDA VOLVA Á NORMALIDADE.

Esta entrada que publico serve para momentos en que, como agora, non poidamos saír da casa.

Estar pechados e pechadas non quere dicir que non poidamos seguir estando en forma. Vou darche un montón de ideas para que poidas facer exercicio. Espero que che axuden:

1. Baila, fai aeróbic ou zumba... Vai a este blogue á entrada "A Moverse coa música". Alí vas ter propostas de varios tipos para ir comezando.


2. Posiblemente non teñas material para xogar a algún dos deportes que che vou propoñer (deportes de raqueta). Para os que non teñades algún dos materiais, escollede os deportes que non precisan cousas especiais. Imos entón.

NESTE BLOGUE HAI VARIAS ENTRADAS SOBRE CADA UN DOS DEPORTES QUE SOEMOS TRABALLAR NA ESCOLA. Para máis información de cada un  podes ir a cada unha das entradas do blogue.

* Adaptemos algúns dos deportes que coñecemos un pouco ou practiquemos algunhas das técnicas que aprendemos e tamén outros que non practicamos, pero que podemos traballar igualmente:

- Voleibol: Sabemos facer saque de seguridade. Sabemos golpear de antebrazos. Practiquemos entón. Clica sobre a imaxe.


https://www.youtube.com/watch?v=wsQ_xfFnvzk



IMPORTANTE: xoga cunha pelota ou balón brando. Clica na imaxe. Verás un vídeo  con xogadas incribles.

https://www.youtube.com/watch?v=RphvR0Hc0io&pbjreload=10


* Se somos dúas persoas, podemos atar unha corda ou algo similar, para xogar sobre ela. Se non temos maneira de colocar nada, dá o mesmo. Podemos xogar sen "rede".

* Se non temos con quen xogar, posiblemente teñamos unha parede. Saca e devólvelle a pelota.


- Fútbol:

Clica na imaxe. Verás 30 goles impresionantes da historia deste deporte.

https://www.youtube.com/watch?v=GMmGt0upVrY&pbjreload=10

* Se temos con quen xogar:

- Xogar a pases.

- Driblar e quitar o balón un/unha a outro/a.

- Tirar a gol. Un/unha fai de porteiro/a. As porterías son sinxelas de facer, xa o sabes. Colocas dous obxectos a unha distancia: pedras, botellas baleiras...

                                                                                    - Dar toques...

                                                                                    - Competir tratando de golpear algún obxecto.

* Se non temos compaña:

- Xogar a rebotes contra a parede.

- Tirar a gol a portería baleira.

- Dar toques...

- Practicar puntería contra un obxecto...

- Bádminton:

https://www.youtube.com/watch?v=m3LJqIO2G1k&pbjreload=10
Clica na imaxe da dereita para lembrar, cun pequeno vídeo os saques, golpes e movementos de pés.










Clica na imaxe e verás un vídeo con parte da final do Campionato de Europa de 2018 na que a nosa campiona Carolina Marín gañou.


https://www.youtube.com/watch?v=HtqpjdTKQWg&pbjreload=10


* Se non temos con  quen xogar:

- Facer pases, sen nada ou atando algo que nos sirva de rede.

- Xogar partidiños.

- Xogar a toques...

* Se somos só unha persoa é complicado. Podes xogar a pases.

- Tenis de mesa:

Clica na imaxe para acceder a un vídeo titulado "El mejor partido de tenis de mesa (ping pong) del mundo / The best game of table tennis (ping pong)".

https://www.youtube.com/watch?v=W8Ejwu1_Dc8&pbjreload=10
Montar unha mesa para xogar non é moi difícil. Podes xogar sobre unha mesa desas que teñas de plástico ou colocar un taboleiro sobre dous caballetes. Se fas a segunda, tenta non achegarte para non empurrala e ter un accidente.

* Se temos con quen xogar:

- Facer peloteo (pases).

- Xogar partidiños, anque non teñas liñas debuxadas. Perde quen non a poida devolver ao outro campo.

* Se somos un so podes poñer a mesa contra unha parede e tentar xogar a pases contra ela, con bote na mesa.


- Baloncesto

Clica na imaxe e terás unha explicación moi básica de como se xoga ao baloncesto.


https://www.youtube.com/watch?v=5F_HNvP0nZY&pbjreload=10
Montar unha canastra, se non a temos pode ser sinxelo. Colgar un caldeiro ou calquera cousa semellante a un aro, a unha certa altura pode axudarnos a pasar un bo rato. Non precisas ter balón de baloncesto. Calquera pelota ou balón serve.

* Se temos con quen xogar:

- Pases diferentes: lembra que eran "de baseball, sobre a cabeza de gancho a unha man, sobre a cabeza a dúas mans, recto de peito a unha man e a dúas mans, picado a unha man e a dúas...)


 Clica sobre a canastra de embaixo. Vas ver as 100 mellores xogadas da NBA.

https://www.youtube.com/watch?v=Ecz2CaMNycw

 - Partidiños de dous contra dous nunha canastra.

- Dribling con obxectos e contra o/a outro/a.

- Tiros a canastra.

- Bote.

* Se non temos con quen xogar:

- Tiros a canastra.

- Bote recto ou en zig-zag entre obxectos.


3. Os xogos de sempre. Xogos populares e tradicionais.

Temos unha gran variedade. Como ocorre cos deportes, pode que algún non o poidas facer. Non te preocupes. Escolle calquera dos outros. Podemos xogar marcando debuxos ou liñas no chan, facendo buratos, usando lapis e papel, rodas vellas, chapas de refrescos, botellas de plástico, latas... O obxectivo é pasalo ben. Algúns esixen resistencia e forza, outros tan só habilidade.

* A comba.

Pincha na imaxe e imos lembrar as cancións de sempre de comba e como se xoga.

https://www.youtube.com/watch?v=kc23FvYyyMk&pbjreload=10* Para xogar un ou unha so/soa.

Calquera comba de 2 metros e medio ou tres,
como as que usamos no cole serve para xogar.

* Para xogar dous ou máis. Se non sodes máis de dous podedes atar a corda a unha árbore, columna, etc. A corda debe de ser o dobre da que dixemos antes.

Clica sobre esta outra imaxe para poder ver un fantástico vídeo do equipo de Hungría de Salto de Comba. Non o podes perder.

 https://www.youtube.com/watch?v=PUWg7fXnCf0&pbjreload=10



* As bólas.

 Pulsa sobre a imaxe das bólas. "Marcos" vai ensinarche a xogar ao Gua.

Clica despois sobre a imaxe do neno. Repasamos a forma de xogar e explícannos varios xogos.

https://www.youtube.com/watch?v=IqQzx9Omx5A                                                    https://www.youtube.com/watch?v=ncU1rghUubY&pbjreload=10


Para xogar sí é preciso ter un sitio con terra. É moito máis fácil facer circuitos, figuras ou o gua.


* O peón.

https://www.youtube.com/watch?v=SMl-5EQSRAs&pbjreload=10
 
Este xogo non precisa case espacio para lanzalo:

- Podes sacar obxectos dun lugar, lanzándoo contra eles.

- Podes collelo na man...

Clica na imaxe . "Jesús" explicarache como lanzar.

Imos a gora clicar en peón acrobático. Van explicarnos varias figuras que se poden facer con el.

* As chapas.


https://www.youtube.com/watch?v=RGfjMltJQck&pbjreload=10Os circuitos podemos facelos
marcando a terra cun pao ou unha pedra. Se non temos terra e o chan é duro con algún cordel delgado.

Lembra colocar as chapas cos picos cara arriba.

A imaxe pertence ao Colexio
Carlos III de Aranjuez. 

Clica na imaxe do circuito e podes ver unha partida.

Clica na imaxe das chapas e  verás unha partida de fútbol chapas. Podes deseñar o teu propio campo para xogar.


* Os birlos.

 Non precisas acudir a unha boleira.

Podemos xogar cunha pelota e botellas de plástico que seguro temos na casa. Vai gardando algunhas para utilizar.

1. Vídeo para facer bírlos 1.

2. Vídeo para facer birlos 2.

 Nota:

Nos dous vídeso utilizan botellas de plástico brancas e outros materiais que podemos non ter na casa. Así que o mellor é que coloques as botellas que teñas, anque sexa sen decorar. A idea é divertirse. Cando pase este momento xa podes facer outros como os dos vídeos se quixeras.

* A goma ou elástico.

https://www.youtube.com/watch?v=6w0w7AKsd6k&pbjreload=10


Podemos suxeitar a goma ás patas dunha cadeira, por exemplo, se non tivesemos con quen xogar.

Clica na imaxe para aprender o máis básico.








Clica sobre cada título. Podes ver tres xogos.

1. Xogo elástico 1.

2. Xogo elástico 2.

3. Xogo elástico 3.


* A mariola.


Pintar no chan, se temos ou pegando cinta de pintor,
ou cruzando cordeis.
Podes fabricar a túa mariola, mais ou menos complicada.

Clica AQUÍ e verás como unha amiga nos ensina a pintala e xogar.


* Os dardos.

1. Se alguén tén un xogo de dardos, este é o momento de quitarlle o po e volver a xogar.



2. E que tal se cambiamos o xogo e debuxamos un mapa nun cartón, coas comunidades autónomas. En cada unha podemos debuxar algo. Se o dardo dá nesa parte do mapa, o que o consigue gaña, por exemplo comer o seu plato preferido, ver unha película que lle guste, xogar a algo, facer un debuxo... Déixovolo á vosa imaxinación. Aquí che deixo un par de ideas para fabricar dardos caseiros. Lembra pedir a axuda dun adulto nalgúns dos pasos:

Vídeo 1.
Vídeo 2.
Vídeo 3.
Vídeo 4.
Vídeo 5. Facemos unha diana. Só necesitas follas de colores, unha tixeira. Unha caixa de cartón e pegamento. Verás que fácil.


* O Hula-hop

https://www.youtube.com/watch?v=gg2XmgalM38&pbjreload=10




Canto podes aguantar? Proba e conta.

Clica na imaxe para aprender.

Para os máis expertos aquí van unha serie de trucos e movementos co aro. Proba.




* A petanca. Se algún de vós tén este xogo, a xogar nos días de sol.

 Non precisas moito sitio.
Como dixen imos adaptarnos ao espazo que temos. Lembra que se non tés un lugar duns poucos metros sobre terra ou herba non podes xogar.

Se non temos petancas podemos coller area e encher globos. Deixo aquí un titorial para fabricar pelotas con  arroz e globos, pero podes utilizar perfectamente outro recheo, para non destragar a comida.  Farás tres grandes, tamaño das de tenis máis ou menos e unha pequeniña, que pode ser unha "canica" ou fas unha máis pequeniña tamén con globos.

https://www.youtube.com/watch?v=VaGkctc4HNU


Clica na imaxe e verás xogar co material que che acabo de recomendar.








* Xogos do aro con rodas. Non soemos ter o xogo do aro, polo que podemos cambiar por unha roda de bicicleta que sexa vella e un pao. No vídeo usan un pao moi pequeno. Usa un de 40 ou 50 se podes. Así non golpearás coas mans. Trata de facelo rodar. Se o consigues proba a ir rápido. Mira para estes nenos.


No vídeo que verás se clicas na imaxe propoñennos más exercicios.

https://www.youtube.com/watch?v=GyLSAWVTMcc&feature=emb_rel_end


* Papaventos:


Se tés un proba a facelo voar, se non o tés e che apetece podes tratar de fabricar un.

Vou deixarche varios vídeos para que fabriques un. Terás que pedir aos adultos axuda. O proceso necesita facer furados, cortes sobre madeiras, etc...

- Vídeo 1.
- Vídeo 2. Esta fana con canas e bolsa de lixo. É económico e voa perfectamente.


Os seguintes dous vídeos son para aprender a voalo. No primeiro non necesitas axuda; no segundo alguén o suxeita contra o vento.

Voar un papavento 1.
Voar un papavento 2.


* Tabas:

Hoxe en día son de plástico de cores. Antes xogaban con osiños pequenos de año. Na miña casa, miña nai xogaba con pedras. O certo é que era moi hábil.

https://www.youtube.com/watch?v=LiFesQtg1Nw                                    https://www.youtube.com/watch?v=Ezc8cAq5XfE

Clica sobre a imaxe da man e verás como xogan con pedras cos avós.

Clica sobre as de cores e verás o xogo moderno.                                     


* Yoyó:

https://www.youtube.com/watch?v=-XD5y46Bezo

Outro xoguete esquecido e moi bonito.

Se tés algún recupérao.

Para aprender a lanzalo clica sobre a imaxe.


Clica aquí e verás ao campión do Mundo de Yo-yo.





* Diábolo.

Clica sobre a imaxe e poderás ver un vídeo espectacular en "Vimeo".

https://vimeo.com/61761409

Se clicas aquí verás como dar os primeiros pasos para aprender.

Este é outro xogo que non podes fabricar se non o tés. Paréceme moi interesante porque precisa moito entrenamento para acadar suficiente habilidade e non necesita un lugar especial para practicar. De todos xeitos tenta traballar fóra porque os lanzamentos soen ir bastante altos.


* Malabares con pelotas.



Comeza con tres pelotas, para probar. Se non vai ser moi difícil.

Non necesitas nada especial. Podes usar pelota de calquera material que teñas pola casa. As de tenis son ideais de tamaño.

No xogo da petanca tés como aprender a facer as bólas para facer malabares.


No vídeo que enlazo aprenderás varios exercicios de iniciación.

Agora imos a por trucos con dúas pelotas.

Agora, para quen se queira arriscar un pouco máis ánimo con este vídeo de trucos con tres pelotas.




Para os máis pequenos:

Ademais de moitos xogos xa vistos nos puntos anteriores, estes dous xogos son específicos para os niveles máis baixos.

- Xogar con formas.

Con papeis de xornal ou revista, se non temos outra cousa marcamos círculos e pegadas de pés.
Os nenos e nenas terán que:

- Ir de pé en pé.                                                                               

- Evitar pisar.

- Ir sobre círculos so.

- Combinar pasos por círculos e pegadas...


- Pasadizo láser.

Con fíos de la, porque non temos por que ter papel pinocho podemos montar este corredor láser para os máis pequenos e pequenas da casa ¿Serás quen de pasalo? Podemos buscar obxectos aos que atalos.


* Neste 13 de abril imos poñer enlaces de varios tipos:

1. PARA OS MÁIS PEQUENOS

Anque lembramos que todo o mundo pode pasalo moi ben con estes xogos, así que anímote a probar.

1. Circuito de exercicios 1.

2. Circuito de exercicios 2.

3. Serie de xogos con pelotas, vasos de plástico, cartóns de ovos... Se non tés o material non te preocupes, seguro que podes cambialo por outro.

4. Exercicio na casa con nenos e nenas.



2. PARA FACER UN QUENTAMENTO E TRABALLAR AS ARTICULACIÓNS.


* Alfonso García Muñoz pon á nosa disposición esta serie de vídeos que van ser moi útiles:

1. Traballa as articulacións.

* Neste segundo vídeo de "el Sendero de Rubén" fan un repaso de moitos dos exercicios que os maiores facemos no colexio.

 Atención:

NON TENTES FORZAR OS MÚSCULOS IMITANDO Á PERSOA DO VÍDEO NOS EXERCICIOS EN QUE SEPARA AS PERNAS. ACABARÁS CUNHA LESIÓN. HAI PERSOAS QUE NON SOMOS FLEXIBLES PARA BAIXAR ASÍ, POLO QUE NON FAGAS ESES EXERCICIOS. Imos co vídeo.

Vídeo de estiramentos. É bastante completo.



3. PARA FUTBOLERAS E FUTBOLEROS

Exercicios máis orientados para 4º, 5º e 6º, sempre con precaucións. Segue estes consellos.

1. Nunca fagas flexións de brazos como podes ver nalgúns vídeos. Lembra que a túa columna é moi delicada e que estás medrando.

2. Nunca fagas abdominais coas pernas estiradas ou enganchando o colo á altura da nuca. Estarás causando lesións ás vértebras desa zona.

3. Nunca imites aos adultos.

4. Nunca fagas exercicios de elasticidade e  flexibilidade de forma brusca e moito menos facendo rebotes cada vez que baixas.

5. Non collas pesos.

Imos entón co fútbol, e imos ir en orde:

A) Antes de calquera deporte temos que quentar, mínimo 10 minutos.

- Vídeo de quentamento para o fútbol: estiramentos.

- Vídeo de quentamento completo para o fútbol 1.

- Vídeo de quentamento completo para o fútbol 2.

- Vídeo de quentamento completo para o fútbol 3.

- Vídeo de quentamento completo para o fútbol 4.

C) Entrenamento técnico:

- Vídeo técnico 1.

- Vídeo técnico 2.

- Vídeo técnico 3.


- Agora imos con exercicios de control. Son difíciles, pero podes tentalo. Os e as que xogades habitualmente ides ter algo máis de facilidade.


Licencia Creative Commons