luns, 4 de maio de 2020

SEMANA 4 A 8 DE MAIO DE 2020






Comezamos unha nova semana. Non deixedes de facer exercicio. Eu só vos aconsello e trato de dar ideas para que todo o mundo poida estar ocupado, se o precisa, pero aínda que son propostas e consellos, sí debemos manternos activos e activas, facendo un pouco de exercicio cada día.  MOITO ÁNIMO. TENDE COIDADO PARA QUE TODO SAIA BEN.

Seguimos con diferentes apartados. O primeiro vai continuar coa música e o movemento. Aquí van as coreografías:

1. O vídeo titúlase "Coreografía de HIP HOP FÁCIL - Paso a Paso" . Explícanvos pasiño a pasiño como facer os diferentes pasos. A tentalo.

2. A ver que che parece esta en que bailamos cos Mínions.

Máis xogos que podemos facer:

1. Vas precisar que che axude outra persoa. Este xogo fixémolo en clase. Tés que ser rápido/a:

* SIMÓN DI:

Lembra que a frase que hai que dicir sempre é a mesma: "Simón di que...". Así as ordes de "Simón" poden ser:

- Simón di que te deites no chan boca abaixo.
- Simón di que deas un brinco.
- Simón di que botes unha pelota.
- Simón di que vaias tocar algo branco, verde ou da cor que queiras.
- Simón di que xires coma un peón.
- Simón di que camiñes coma unha ra, can, canguro... Escolle o animal que queiras.
- Simón di que fagas unha pelota de papel e que a encanastres nun caldeiro, ou lugar que podedes escoller...

Como podes ver as ordes que podemos dar son moitas. Só temos que ser creativos/as.

*SEGUIR PISTAS:

En anacos de papel poden escribir unha especie de adiviñas. Podemos poñelas sobre unha mesa, nunha caixa... Imos collendo a adiviña e ao lela imos atopar o obxecto que pensamos que pode ser. Se nós non sabemos ler aínda, pode axudarnos unha persoa maior da casa.

Por exemplo:

Os ollos da casa son, por elas vén o Sol saudarnos aínda que esteamos no salón.

O que teremos que ir tocar é unha ventá.

* O OBXECTO AGOCHADO:

Alguén pode agochar un obxecto pola casa. Movémonos libremente, pero só saberemos se estamos preto con axuda de dúas palabras. A persoa que o agochou vai ir dicindo "Quente" se estamos achegándonos ou "Frío" se estamos lonxe.

*ORIÉNTOME CO CORPO:

Os días que faga sol podes tentar aprender como orientarte co corpo. Sae a mediodía fóra e colócate de costas ao Sol. Sabemos que o Sol sae polo leste. Cara onde sae o sol poñemos a man dereita. Entón a nosa man esquerda estirada diranos onde está o oeste, que é por onde se pon o sol. Diante de nós estará o norte e detrás de nós o sur. Clica sobre a rosa dos ventos para ir a un vídeo explicativo sobre o que che digo.


https://youtu.be/qbRORcvtm64


- Xogo 1:

Daremos un número de pasos cara cada un dos puntos cardinais.

- Xogo 2:

Camiña ao norte, cara o sur, cara o leste ou cara o oeste e toca un obxecto que estará nesa zona ou explica o que hai alí. Tamén neses lugares podes ter un material para xogar e por exemplo:

- No norte podes patinar.
- No sur saltamos á comba.
- No leste xogamos coa pelota.
- No oeste xogamos ao peón, á goma, facemos malabares...

Podes ir cambiando a actividade segundo che apeteza.

- Xogo 3:

Para os maiores do cole. Este xogo sí necesita que alguén vos axude coas pistas e coa colocación do tesouro. Podedes tratar de debuxar un croquis da  casa e os seus arredores, sempre e cando sexan lugares aos que se permite ir dentro do estado de alarma. No croquis podemos darlle un nome a cada estancia: a cova da serpe (pode ser o garaxe ou un lugar parecido), a montaña do voitre negro (pode ser a cociña), etc... Invéntaos ti. En cada estancia, nun papel dobrado haberá as instrucións para facer unha proba e outro no que che din a que cuarto ou lugar terás que ir despois. poñemos un punto de partida. Comeza o xogo por exemplo indo á "Montaña do Voitre Negro". Na montaña haberá que facer un xogo ou superar unha proba. Se o logramos collemos as instrucións para ir ao seguinte lugar. O xogo remata cando cheguemos á última estancia onde estará o tesouro. Pode ser unha caixa que teñamos na que alguén nos metese xogos, ou xoguetes, un libro... Ou un pouco de todo.



Lembra que un croquis é un debuxo (Non ten que se exacto), da túa casa como se lle quitases o tellado e puideses vela desde o aire.

Ningún comentario:

Publicar un comentario