sábado, 30 de maio de 2020

SEMANA 1 A 5 DE XUÑO










Bos e calorosos días. Como cada semana unha aperta e os mellores desexos para todos e todas vós.


1. O NOSO CORPO




Hoxe imos aprender sobre o noso esqueleto e ímolos facer con dous vídeos. O primeiro é para os que ides en terceiro, cuarto, quinto e sexto e o segundo é para os máis pequenos e pequenas de 1º e 2º:


1.1. O vídeo para os máis grandes ten pouco máis de dous minutos e fala dos principais ósos do corpo humano. Clica neste vídeo de "Smile and learn en español".

1.2. O vídeo nº dous é sinxelo, por eso imos propoñelo para 1º e 2º como xa dixemos. É de "PinkFong" e aquí traballamos cunha canción titulada "Huesos".

2. A BAILAR

Imos cos nosos bailes. Como cada semana coloco dous. Lembra que non tés que agobiarte. Tenta aprendelos, pero se non che sae non hai problema. O que necesitamos é facer exercicio e só con tentalo xa fas un entrenamento bastante completo.

Aquí van un par de coreografías de DONLUMUSICAL. Os bailes explícaos primeiro sen música, para que sexa máis fácil e ao final fanse completos coa canción.

2.1. Baile 1.

Posiblemente se só les o título, e es un pouco maior, che dea a risa, pero verás que non é tan fácil como pensabas esta coreografía, por eso a recomendo para os que estades en 4º, 5º e 6º. O título de vídeo é "Baile para niños paso a paso "El patio de mi casa" DONLUMUSICAL".

2.2. Baile 2. Aquí vas ver dúas versións da Granxa do Vello McDonald.

Imos á granxa do vello McDonald.Unha do Oeste para cambiar algo de estilo. Tamén é unha coreografía de DonLuMusical. Como el di podes inventar ti a túa propia ou ben cambiar os pasos en que traballan por parellas. Se non tés con quen bailar as palmadas fainas ao aire. Os máis pequenos tamén podedes facela. É máis fácil ca o Baile 1 de hoxe. Recoméndoa para 1º e 2º, anque podemos traballala todos e todas.

AQUÍ VAI A VERSIÓN MÁIS FÁCIL. Para os de 1º, 2º e Infantil é a mellor opción. Titúlase: "Old MacDonald Had a Farm | Dance | Nursery Rhymes with Ready, Set, Sing!". O vídeo pertence a "A* List! English Learning Videos for Kids". De paso que bailamos e facemos os xestos da granxa aprendemos algo de inglés.


3. XOGAMOS E RECICLAMOS



Imos fabricar a nosa colección de xogos, para eso seguimos o que vas ver 10  xogos que se poden facer con tapóns de botellas de plástico que sempre temos na casa. Podemos facer xogos de memoria, selos para decorar, operacións de matemáticas, unhas maracas, un tres en raia, un abecedario, un xogo con letras para formar palabras. Damos as grazas a EUGENIA ROMERO que publicou o vídeo "10 juegos con tapones reciclados". Son fáciles de facer e moi divertidos. ADEMÁIS AXUDAMOS A NON CONTAMINAR A TERRA.

LEMBRA QUE ALGÚN ADULTO TEN QUE ESTAR SEMPRE CONTIGO.

MATERIAL:

- Goma eva
- Rotuladores permanentes
- Algún bote de témpera para usar no canto da esponxa con tinta que utilizan no vídeo.
- Silicona líquida, da que usamos sempre en clase.
- Papeis de cores ou cartolinas
- Tixeiras escolares.
- Botellas pequenas de actimel ou de auga, refrescos...

Vou darche algunha idea para o das maracas. Eles meten tapóns dentro da botella. ti podes meter algunhas pedriñas, unhas pouquiñas lentellas ou arroz...

No xogo das texturas os tapóns teñen que ser dos máis grandes e dentro podedes meter esponxa, algodón, plastilina, pedras pegadas coa silicona e todo o que se che ocorra.



sábado, 23 de maio de 2020

SEMANA 25 A 29 DE MAIO



                                                   



Bos días a todos e todas. Unha semana máis desexo o mellor para todas as familias. Ogallá esteades ben.

UN POUCO DE EXERCICIO

Cun par de vídeos imos facer uns exercicios para poñernos en forma. Valen para todas as idades.
Os exercicios son de "Welcome to My Gym". Están protagonizados por dúas nenas.

Vídeo 1: "Welcome to My Gym 2 | Exercise Song for Kids | Indoor Workout for Children | Time 4 Kids TV".

Vídeo 2: "Welcome to My Gym 3 | Exercise Song For Kids | Indoor Workout For Children | Time 4 Kids TV".

Este terceiro vídeo, en inglés de "Miss Linky", ensina unha táboa de exercicios de forza, elasticidade e flexibilidade. A mioría son sinxelos. OLLO CON ESTO: Ten conta dos exercicios en que se coloca coma unha táboa e no que nesa posición leva o xeonllo a tocar o cóbado. Tamén lembra ter moita conta nos exercicios en que coas pernas cruzadas e sentada no chan vai tocar cos cóbados o chan. Por último coida de facer con coidado o de ir tocar os pés desde sentado/a coas pernas estiradas. Lembra que non hai que forzar ningunha postura. Non tés que tocar os pés se non chegas. Non tés que tocar o chan cos cóbados se ves que che doe. Se pasa eso non fagas o exercicio. Os maiores podedes tentar o da táboa, pero só se sodes capaces de manter o corpo recto de todo. Se vedes que tremen os brazos ou o lombo se vai curvar tampouco o fagades. Clica aquí.


SEGUIMOS BAILANDO

1. A primeira coreografía pertence a "Move Tube Network" e o vídeo titúlase "Kids Learn a Dance to "Can't Stop the Feeling" by Justin Timberlake!"

2. E a derradeira para esta semana é unha coreografía preciosa dunha canción alegre. Non é difícil, así que anímovos a tentar facela. Este baile pertence a "Saskia's Dansschool" e o título é "Black magic - Little Mix - Easy Kids Dance Video - Choreography".



luns, 18 de maio de 2020

SEMANA 18 A 22 DE MAIO





Bos días a todos e todas unha semana máis. Non quero comezar sen desexarvos que sigades ben de saúde e sen pedirvos que vos sigades coidando para así coidar da vosa familia.

Como cada semana deixo á vosa disposición material que selecciono en Internet que considero interesante e útil, de entre os miles e miles que hai colgados na Rede. Espero que sexan de interese e que axuden a que cando medredes o fagades fortes e cheos e cheas de saúde.




A. O noso corpo.

 Hoxe imos empezar a semana de xeito distinto:

1. Imos explicar como funciona o corpo humano. No vídeo que vas ver a continuación explícase, paso a paso, como funciona cada un dos sistemas do noso corpo. Vas aprender facilmente como funciona o corazón e a circulación do sangue, como traballan os pulmóns e que pasa cando comes. Clica en "Los sistemas del cuerpo humano para niños".

2. Quero, neste segundo vídeo lembrar algo importantísimo que é cómo alimentarnos de maneira saudable. Aquí explícannos cómo funciona a pirámide alimentaria e que non esquezas facer deporte e xogar cada día. O vídeo titúlase "Alimentación sana. La Pirámide Alimentaria | Videos Educativos para niños.".


B. A mover o esqueleto. Comezamos con algo máis de baile e logo pasamos aos xogos e a fabricar un pequeno xoguete.

1. O baile desta semana é unha coreografía sobre a Terra, á que non sempre coidamos como debemos.
Vas ver tres vídeos sobre a mesma canción:

* O primeiro é "Coreografia fácil Madre Tierra (oye) primaria / niños". Tal como di o título é a máis sinxela das dúas.

* O segundo está protagonizado por "Zumo Animaciones" e titúlase "Zumo Dance - Madre Tierra, una coreografía llena de energía". A maior parte do baile é fácil e se un dos pasos que vas ver se che complica lembra que podes varialo e inventar un que che vaia ben a ti.

* O terceiro é para os que esteades máis en forma. A versión zumba chea de enerxía. O vídeo é de Alberto Grazioli Ventura. O Título: "Zumba Madre Tierra - Chayanne".

C. A bicicleta. Seguro que é, xunto co balón unha das cousas que máis utilizastes algúns e algunhas. Así que imos lembrar como debemos usar a bicicleta cando andemos fóra da casa con estes dous vídeos de Educa Peques:

* O primeiro vídeo ten por título "Circular con una bicicleta en Educación Vial".

* O segundo trata de como debes coidala, igual que os mecánicos coidan dos automóbiles. LEMBRA QUE TI AÍNDA NON TÉS IDADE SUFICIENTE PARA FACER CERTAS COUSAS. PIDE AXUDA AOS ADULTOS, de todos xeitos pareceume un vídeo que é interesante para que comeces a saber como funciona un fantástico e ecolóxico medio de transporte. O derradeiro consello é A BICICLETA É FANTÁSTICA, PERO DEBES TER MOITO COIDADO CANDO SAIAS CON ELA, os automóbiles non sempre van respectarnos e nós tampouco debemos pensar que podemos facer o que queiramos porque a bici pode meterse case por calquera recuncho. PENSAR ASÍ É PERIGOSO. O vídeo titúlase "Las partes de la bicicleta en Educación Vial".

D. Fabricando xoguetes con papel:

* Un papaventos cun simple paper e cordel. O vídeo que vas ver é de "Techno Kri Art". Titúlase: "A4 size flying paper kite (Superb Fly) ll making paper kite just fly ll fly plane".

* Un avión moi chulo. Sempre que fas un avión tés que ir buscalo a onde caeu. Agora imos ver como facer un avión boomerang. Este avión sempre volverá a onde ti estás. Proba. Non é moi complicado de facer. Se a punta se che fai difícil pide algo de axuda e logo A VOAR. O título é "Cách gấp máy bay boomerang ver 30 | how to make paper boomerang plane | boomerang plane king". Non prestes atención ao que di pois non o entenderás. Só vai vendo como prega o papel.


.

luns, 11 de maio de 2020

SEMANA 11 A 15 DE MAIO






Bos días a todos e a todas. Ogallá sigades ben.

Coidádevos moito e seguide as regras para poder saír con ben desta. Moito ánimo que cada vez podedes facer máis cousas.


A BAILAR.

1. Hoxe imos quedar en Galicia, co primeiro baile. Mira o vídeo clicando sobre a imaxe e aprenderás os pasos básicos da muiñeira ou puntos.


https://youtu.be/J5ZC3vIfcEI

Non podía deixar de poñerche este enlace a unha versión de muiñeira espectacular. A Muiñeira de Chantada bailada a ritmo de Hip-Hop que saíu en tódolos programas de televisión. Con este espectáculo o grupo "Media Punta" quedou subcampeón no "Dance World Cup 2018".


2. A segunda proposta é o vídeo "KIDZ BOP Kids - Best Day Of My Life". Unha coreografía alegre que espero que vos guste.

3. E para que poidades escoller un terceiro vídeo do mesmo grupo anterior. Dous nenos e dúas nenas cantan e bailan unha canción movida e alegre. O vídeo titúlase "KIDZ BOP Kids - Make Some Noise (Dance Along)".


RUTINA DE EXERCICIOS





Agora imos asistir a unha clase na que imos facer un montón de exercicio.

Asegúrate de ter suficiente espazo para non golpearte con nada.
Se cansas para o vídeo e respira un par de minutos.
Os exercicios de estiramento (levar a man ao pé contrario, por exemplo, que vas ver) non os fagas rápido. Baixa a modo cara o pé e ten o xeonllo ben estirado. Nunca poñas as mans sobre o xeonllo para non forzar a articulación. Cando acabes de traballar un lado volve a modo cara arriba.

O vídeo titúlase "KIDS WORKOUT ! Full 25 min exercise routine program for kids and parents lose weight 2019".

luns, 4 de maio de 2020

SEMANA 4 A 8 DE MAIO DE 2020






Comezamos unha nova semana. Non deixedes de facer exercicio. Eu só vos aconsello e trato de dar ideas para que todo o mundo poida estar ocupado, se o precisa, pero aínda que son propostas e consellos, sí debemos manternos activos e activas, facendo un pouco de exercicio cada día.  MOITO ÁNIMO. TENDE COIDADO PARA QUE TODO SAIA BEN.

Seguimos con diferentes apartados. O primeiro vai continuar coa música e o movemento. Aquí van as coreografías:

1. O vídeo titúlase "Coreografía de HIP HOP FÁCIL - Paso a Paso" . Explícanvos pasiño a pasiño como facer os diferentes pasos. A tentalo.

2. A ver que che parece esta en que bailamos cos Mínions.

Máis xogos que podemos facer:

1. Vas precisar que che axude outra persoa. Este xogo fixémolo en clase. Tés que ser rápido/a:

* SIMÓN DI:

Lembra que a frase que hai que dicir sempre é a mesma: "Simón di que...". Así as ordes de "Simón" poden ser:

- Simón di que te deites no chan boca abaixo.
- Simón di que deas un brinco.
- Simón di que botes unha pelota.
- Simón di que vaias tocar algo branco, verde ou da cor que queiras.
- Simón di que xires coma un peón.
- Simón di que camiñes coma unha ra, can, canguro... Escolle o animal que queiras.
- Simón di que fagas unha pelota de papel e que a encanastres nun caldeiro, ou lugar que podedes escoller...

Como podes ver as ordes que podemos dar son moitas. Só temos que ser creativos/as.

*SEGUIR PISTAS:

En anacos de papel poden escribir unha especie de adiviñas. Podemos poñelas sobre unha mesa, nunha caixa... Imos collendo a adiviña e ao lela imos atopar o obxecto que pensamos que pode ser. Se nós non sabemos ler aínda, pode axudarnos unha persoa maior da casa.

Por exemplo:

Os ollos da casa son, por elas vén o Sol saudarnos aínda que esteamos no salón.

O que teremos que ir tocar é unha ventá.

* O OBXECTO AGOCHADO:

Alguén pode agochar un obxecto pola casa. Movémonos libremente, pero só saberemos se estamos preto con axuda de dúas palabras. A persoa que o agochou vai ir dicindo "Quente" se estamos achegándonos ou "Frío" se estamos lonxe.

*ORIÉNTOME CO CORPO:

Os días que faga sol podes tentar aprender como orientarte co corpo. Sae a mediodía fóra e colócate de costas ao Sol. Sabemos que o Sol sae polo leste. Cara onde sae o sol poñemos a man dereita. Entón a nosa man esquerda estirada diranos onde está o oeste, que é por onde se pon o sol. Diante de nós estará o norte e detrás de nós o sur. Clica sobre a rosa dos ventos para ir a un vídeo explicativo sobre o que che digo.


https://youtu.be/qbRORcvtm64


- Xogo 1:

Daremos un número de pasos cara cada un dos puntos cardinais.

- Xogo 2:

Camiña ao norte, cara o sur, cara o leste ou cara o oeste e toca un obxecto que estará nesa zona ou explica o que hai alí. Tamén neses lugares podes ter un material para xogar e por exemplo:

- No norte podes patinar.
- No sur saltamos á comba.
- No leste xogamos coa pelota.
- No oeste xogamos ao peón, á goma, facemos malabares...

Podes ir cambiando a actividade segundo che apeteza.

- Xogo 3:

Para os maiores do cole. Este xogo sí necesita que alguén vos axude coas pistas e coa colocación do tesouro. Podedes tratar de debuxar un croquis da  casa e os seus arredores, sempre e cando sexan lugares aos que se permite ir dentro do estado de alarma. No croquis podemos darlle un nome a cada estancia: a cova da serpe (pode ser o garaxe ou un lugar parecido), a montaña do voitre negro (pode ser a cociña), etc... Invéntaos ti. En cada estancia, nun papel dobrado haberá as instrucións para facer unha proba e outro no que che din a que cuarto ou lugar terás que ir despois. poñemos un punto de partida. Comeza o xogo por exemplo indo á "Montaña do Voitre Negro". Na montaña haberá que facer un xogo ou superar unha proba. Se o logramos collemos as instrucións para ir ao seguinte lugar. O xogo remata cando cheguemos á última estancia onde estará o tesouro. Pode ser unha caixa que teñamos na que alguén nos metese xogos, ou xoguetes, un libro... Ou un pouco de todo.



Lembra que un croquis é un debuxo (Non ten que se exacto), da túa casa como se lle quitases o tellado e puideses vela desde o aire.