Amosando publicacións coa etiqueta 4º primaria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 4º primaria. Amosar todas as publicacións

luns, 1 de novembro de 2021

UNHA SEMANA DE MEDO.

 


 

Chega o Samaín e nas clases aparecen os vampiros, os monstros, esqueletos e cabazas podres.

Xogos para este momento:

1. O vampiro, ou a vampiresa.

Alguén panda. Anícase no centro da pista e soan as 12 badaladas. A medianoite os vampiros ou vampiresas espertan e tratan de pillar a algún/algunha de nós. Ese/a vai ser o novo vampiro.

 2. A cabaza podre.

Un/unha no centro cun balón laranxa brando. Os demais van arrodealo/a en círculo. Lanza ao aire e di o nome de alguén. A persoa que escoite o seu nome vai correr a coller o balón. Cando o teña agarrado berrará pés quedos. Todo o mundo se vai deter. O que porta a cabaza podre camiñará cinco pasos cara alguén. Lanza logo o balón e se fai diana vai eliminar á persoa dada, se non o logra el/ela será o eliminado/a.

3.  Atar ao monstro.

Este xogo é o do pano de atar. Cada grupo terá que dirixirse a coller o pano da cor que se lle asigne. Collerao e seguirá correndo cara o equipo contrario. Atará o pulso de quen queira e regresará á súa fila. Ao chegar desatará o pano que lle ataron aos seus. Xa desatado virá correndo a entregarmo. Quen devolva antes o pano gaña.

4. A danza terrorífica.

Faremos dous equipos. Imos poñer música "This is Halloween" ou "Ghost Busters". Terán 10 minutos para organizarse. 

Cada persoa aportará un paso. Teredes que enlazalos e despois amosarlle a vosa creación aos do outro equipo.


A DANZAR!!!!!!

 MES DE NOVEMBRO DE 2021

Neste mes imos traballar o ritmo, concretamente a actividade máis forte que temos programada vai ser a aprendizaxe dunha coreografía que che vai gustar moito. A canción que imos utilizar vai ser Iko Iko. Seguriño que che gusta e que xa a escoitaches en Spoty, en Tik Tok ou na radio.

Nós imos facer a nosa propia coreografía, anque os primeiros pasos da que todo o mundo baila imos tratar de respectalos.

Vou recomendarche unha, a máis sinxela que vin. Aquí vai o enlace, por se queres practicar. Clica na imaxe.








A bailar todos e todas.


luns, 15 de xuño de 2020

SEMANA 15 A 19 DE XUÑO




Bos días a todos e todas.
Esta é a derradeira semana de curso. Espero que todo sigua ben nas familias e casas de cada un e cada unha de vós.

Ogallá teñades un bo verán e lembrade seguir xogando, facendo exercicio e alimentándovos ben.


EN MARCHA ENTÓN UNHA SEMANA MÁIS 


1. Batería de  XOGOS E EXERCICIOS PARA OS MÁIS PEQUENOS, anque todos podemos facelos:

1.1. Encanastrar e o Tragón.

Non precisamos máis ca un caldeiro ou unha caixa que teñamos baleira. Facemos pelotas de papel e, desde unha distancia tratamos de meter canastra. Cando acabemos as bólas contamos as que están na caixa. Cada bóla será un punto. Se alguén se anima facemos unha competición a ver quen consegue máis puntos.


Se o queremos facer un pouco máis complicado decoramos a caixa na que UN ADULTO fará os buratos dos ollos e a boca. Así traballamos plástica tamén. Neste caso teremos que meter as bólas pola boca do noso tragón.


1.2. Rans e serpes:

Alguén terá que suxeitar un mango de vasoira ou algo parecido. 
Nós teremos que saltar por riba ou reptar coma serpes por debaixo. Lembra que non podes tocar o pao con ningunha parte do corpo.

1.3. O reloxo:

Alguén da casa terá que facer xirar unha corda moi baixiña, coma se fosen as agullas dun reloxo. Cando a corda vaia pasar por onda nós teremos que saltar para que non nos toque. Se nos toca e para de xirar temos que ir ao medio e dar nós. Neste caso como son pequenos dará sempre a persoa maior. PARAR CADA POUQUIÑO pois o normal é marearse. Non é necesario atar nada no extremo da corda que non collemos.


A imaxe é de "juegosedufisica.com"


1.4. Roubo a cola ao raposo.

Con dous panos ou dous anacos de tea que teñades pola casa. Colocala na cintura do pantalón ou da saia por detrás, coma se fose a cola dun raposo.
Agora as dúas persoas colócanse mirando unha á outra de fronte.
Non vale fuxir. Temos que tentar quitarlle a cola a quen temos diante sen que nos quiten a nosa.
Se cae ao chan porque a colocamos mal paramos o xogo e volvemos colocala.

A imaxe pertence a "el mercader de juegos"



1.5. Adiviña polo tacto.

Nunha caixa metemos diferentes xoguetes ou obxectos. Se non temos unha caixa colocámolos directametne no chan. Cun anaco de tea ou un pano, asegurándonos de non ver nada tapamos os ollos do ou da  que vai xogar. Colocamos ao xogador/a de fronte aos obxectos. Sen mirar terá que coller un e, co tacto, adiviñar o que é. Teremos tres oportunidades para acertar.
Entre cada xogada temos que remexer os obxectos para que non saiba en que orde estaban colocados.



A imaxe pertencea a "El Bosque del María Moliner Wordpress.com".

Outras opcións son poñer cacharriños con lentellas. pedras, etc... Todos obxectos que coñezan os pequenos ou non poderán adiviñar.

Unha terceira forma é dobrar anaquiños de cartolina, como se fosen pequenas postais. Dentro haberá un anaco de la, un anaco de algodón, etc. Coma antes, mellor ensinarlle os obxectos que se van pegar para que os coñeza.

1.6. O semáforo.

Outra persoa terá tres cartolinas, papeis ou obxectos coas cores verde, vermella e amarela, coma as cores do semáforo. Se nos ensina a cor verde comezaremos a camiñar rápido. Se levantan a amarela teremos que ir a modo e se levantan a vermella teremos que para coma estátuas de pedra.


A imaxe sae de "Wikipedia".











1.7. Equilibristas:

Temos unha folla de xornal ou un anaco de cartón ou un círculo debuxado no chan. Cada quen segundo lle sexa máis fácil. Esta é a saída do xogo. Desde esa figura colocamos unha corda, un cordel, unha raia debuxada na terra... ata unha caixa, unha tina, un caldeiro, etc. Se somos dúas ou máis persoas xogando na casa mellor. 
Colocar tres cordas ou raias e tres cacharros ou caixas no outro lado da corda. Temos que saír, á voz de "XA"  colocando un pé diante doutro pola liña ou corda ata a caixa na que teremos varios obxectos: vasos de iogur lavados, pelotas, bólas de papel, tapóns, anacos de tea... Ao chegar a onda eses obxectos colleremos un e correremos deixalo na nosa zona de saída.

Para ir polo segundo obxecto volveremos a ir en equilibrio pola liña ou corda. SÓ SE PODE CORRER PARA VOLVER COA COUSA QUE COLLEMOS.

A imaxe pertence a "penitenciasyretosblogspot.com".



 













2. Agora os maiores de 3º e 4º xogamos á oca.





Ámbalas imaxes pertencen a "Claudiojiga.wixsite.com/edufis".

3. Para os maiores un enlace a unha oca online. Sigue as instrucións. O propio xogo vai dicirche o que facer. A oca pertence á páxina Genially. NON É NECESARIO REXISTRASE. Escolles unha ficha e lévala sobre a frecha marrón. Despois das clic sober o dado para que cambien os puntos. Cando queiras volves clicar e o dado quedará quedo cos puntos que che tocaron. Entón xa podes levar a ficha á casiña que che toca. Tés que facer a proba que che digan. LE AS REGRAS QUE HAI Á ESQUERDA NO RECTÁNGULO VERDE. Se houbese algunha proba de abdominais lembra flexionar os xeonllos e non poñer NUNCA AS MANS DETRÁS DA CABEZA.


A imaxe sae de "Saber Vivir".


Se fose necesario cruza as mans por diante do peito. Que alguén che agarre os pés. Non fagas moitas repeticións. Con 10 suficiente. É mellor facer poucas unhas cantas veces ca moitas de golpe.

A BAILAR

Esta canción xa ten uns aniños, pero foi un éxito total e seguro que moitos e moitas a lembrades. Os de 4º, 5º e 6º podedes tentalo. Como vedes hai unha nena pequena bailando. O vídeo titúlase "Zumba Fitness Enrique Iglesias Duele El Corazon omurabay&SENA my honey only 7 years old the best ..."

A segunda canción tamén a cantamos todos e todas. Falo de "Sofía", de Álvaro Soler. A coreografía está pensada para nenos e nenas de 8 a 10 anos, pero como digo sempre tamén os demais podemos intentalo. O vídeo titúlase KIDS 8/10 ANS - Alvaro Soler "Sofia"

O terceiro é para os de 1º e 2º. É un baile de "Quero Zumba". Titúlase "Zumba Kids Jr - Mundo de Colores".





¡FELIZ VERÁN
CAMPIONAS E CAMPIÓNS!




domingo, 7 de xuño de 2020

SEMANA 8 A 12 DE XUÑO





O primeiro, coma sempre é desexarvos o mellor e que esta nova semana que comeza sexa unha máis na que todo continúe ben nas vosas casas.

BOA SEMANA A TODOS E TODAS!


Dado que, por sorte, hai xa un tempo que podemos saír e facer deporte e xogar case como antes, vou compartir con vós enlaces a xogos cos que podamos repasar un pouco e por último seguimos bailando.

XOGOS:

1. PARA OS DE 4º, 5º E 6º:  Clica aquí para comezar co rosco de Educación Física. Este rosco pertence ao "CEIP La Jota de Zaragoza".

2. PARA OS QUE ESTADES EN 1º, 2º E 3º. Lembrade que é mellor que esteades con alguén un pouco maior  para que vos bote unha man. Clica aquí para ir ao parque de "Diverland", que é unha parate do proxecto LUDOS.

A SEGUIR BAILANDO:

 1. Os dous primeiros vídeos son para os maiores:

1.1. Primeiro vídeo para 4º, 5º e 6º. Título: "Zumba Kids Clap Stomp Jump" de "Family Friendly Gaming". A calidade de imaxe non é moi boa, pero o baile é bastante sinxelo.

1.2. O segundo vídeo vai resultar familiar para algúns, anque o alumnado que fixo esta coreografía xa está no instituto. o Título "I'M ANALBATROZ |Aronchupa | Andrea Stella Dance Fitness". É un baile moi chulo e enerxético. Se teño que recomendalo sería para 4º, 5º e 6º, sobre todo para 5º e 6º.

2. Os seguintes dous vídeos son para os máis pequenos, anque todos e todas podedes tentar os pasos. é divertido:

2.1. Agora imos cos máis pequenos de 1º, 2º e 3º. Aprender a comer ben é moi importante. Así que imos facer o Baile da Ensalada. O grupo Pica-Pica explícache moi ben o que acabo de dicir. O título do vídeo é "Pica-Pica - El Baile De La Ensalada (Videoclip Oficial)".

2.2. Outro para todas as idades. O título: "Rock Around the Clock", de "Music Express Magazine". Anque o escoites en inglés non vas ter problema, ti só segue os movementos.

sábado, 30 de maio de 2020

SEMANA 1 A 5 DE XUÑO










Bos e calorosos días. Como cada semana unha aperta e os mellores desexos para todos e todas vós.


1. O NOSO CORPO




Hoxe imos aprender sobre o noso esqueleto e ímolos facer con dous vídeos. O primeiro é para os que ides en terceiro, cuarto, quinto e sexto e o segundo é para os máis pequenos e pequenas de 1º e 2º:


1.1. O vídeo para os máis grandes ten pouco máis de dous minutos e fala dos principais ósos do corpo humano. Clica neste vídeo de "Smile and learn en español".

1.2. O vídeo nº dous é sinxelo, por eso imos propoñelo para 1º e 2º como xa dixemos. É de "PinkFong" e aquí traballamos cunha canción titulada "Huesos".

2. A BAILAR

Imos cos nosos bailes. Como cada semana coloco dous. Lembra que non tés que agobiarte. Tenta aprendelos, pero se non che sae non hai problema. O que necesitamos é facer exercicio e só con tentalo xa fas un entrenamento bastante completo.

Aquí van un par de coreografías de DONLUMUSICAL. Os bailes explícaos primeiro sen música, para que sexa máis fácil e ao final fanse completos coa canción.

2.1. Baile 1.

Posiblemente se só les o título, e es un pouco maior, che dea a risa, pero verás que non é tan fácil como pensabas esta coreografía, por eso a recomendo para os que estades en 4º, 5º e 6º. O título de vídeo é "Baile para niños paso a paso "El patio de mi casa" DONLUMUSICAL".

2.2. Baile 2. Aquí vas ver dúas versións da Granxa do Vello McDonald.

Imos á granxa do vello McDonald.Unha do Oeste para cambiar algo de estilo. Tamén é unha coreografía de DonLuMusical. Como el di podes inventar ti a túa propia ou ben cambiar os pasos en que traballan por parellas. Se non tés con quen bailar as palmadas fainas ao aire. Os máis pequenos tamén podedes facela. É máis fácil ca o Baile 1 de hoxe. Recoméndoa para 1º e 2º, anque podemos traballala todos e todas.

AQUÍ VAI A VERSIÓN MÁIS FÁCIL. Para os de 1º, 2º e Infantil é a mellor opción. Titúlase: "Old MacDonald Had a Farm | Dance | Nursery Rhymes with Ready, Set, Sing!". O vídeo pertence a "A* List! English Learning Videos for Kids". De paso que bailamos e facemos os xestos da granxa aprendemos algo de inglés.


3. XOGAMOS E RECICLAMOS



Imos fabricar a nosa colección de xogos, para eso seguimos o que vas ver 10  xogos que se poden facer con tapóns de botellas de plástico que sempre temos na casa. Podemos facer xogos de memoria, selos para decorar, operacións de matemáticas, unhas maracas, un tres en raia, un abecedario, un xogo con letras para formar palabras. Damos as grazas a EUGENIA ROMERO que publicou o vídeo "10 juegos con tapones reciclados". Son fáciles de facer e moi divertidos. ADEMÁIS AXUDAMOS A NON CONTAMINAR A TERRA.

LEMBRA QUE ALGÚN ADULTO TEN QUE ESTAR SEMPRE CONTIGO.

MATERIAL:

- Goma eva
- Rotuladores permanentes
- Algún bote de témpera para usar no canto da esponxa con tinta que utilizan no vídeo.
- Silicona líquida, da que usamos sempre en clase.
- Papeis de cores ou cartolinas
- Tixeiras escolares.
- Botellas pequenas de actimel ou de auga, refrescos...

Vou darche algunha idea para o das maracas. Eles meten tapóns dentro da botella. ti podes meter algunhas pedriñas, unhas pouquiñas lentellas ou arroz...

No xogo das texturas os tapóns teñen que ser dos máis grandes e dentro podedes meter esponxa, algodón, plastilina, pedras pegadas coa silicona e todo o que se che ocorra.



sábado, 23 de maio de 2020

SEMANA 25 A 29 DE MAIO



                                                   



Bos días a todos e todas. Unha semana máis desexo o mellor para todas as familias. Ogallá esteades ben.

UN POUCO DE EXERCICIO

Cun par de vídeos imos facer uns exercicios para poñernos en forma. Valen para todas as idades.
Os exercicios son de "Welcome to My Gym". Están protagonizados por dúas nenas.

Vídeo 1: "Welcome to My Gym 2 | Exercise Song for Kids | Indoor Workout for Children | Time 4 Kids TV".

Vídeo 2: "Welcome to My Gym 3 | Exercise Song For Kids | Indoor Workout For Children | Time 4 Kids TV".

Este terceiro vídeo, en inglés de "Miss Linky", ensina unha táboa de exercicios de forza, elasticidade e flexibilidade. A mioría son sinxelos. OLLO CON ESTO: Ten conta dos exercicios en que se coloca coma unha táboa e no que nesa posición leva o xeonllo a tocar o cóbado. Tamén lembra ter moita conta nos exercicios en que coas pernas cruzadas e sentada no chan vai tocar cos cóbados o chan. Por último coida de facer con coidado o de ir tocar os pés desde sentado/a coas pernas estiradas. Lembra que non hai que forzar ningunha postura. Non tés que tocar os pés se non chegas. Non tés que tocar o chan cos cóbados se ves que che doe. Se pasa eso non fagas o exercicio. Os maiores podedes tentar o da táboa, pero só se sodes capaces de manter o corpo recto de todo. Se vedes que tremen os brazos ou o lombo se vai curvar tampouco o fagades. Clica aquí.


SEGUIMOS BAILANDO

1. A primeira coreografía pertence a "Move Tube Network" e o vídeo titúlase "Kids Learn a Dance to "Can't Stop the Feeling" by Justin Timberlake!"

2. E a derradeira para esta semana é unha coreografía preciosa dunha canción alegre. Non é difícil, así que anímovos a tentar facela. Este baile pertence a "Saskia's Dansschool" e o título é "Black magic - Little Mix - Easy Kids Dance Video - Choreography".



martes, 31 de marzo de 2020

A MOVERSE COA MÚSICA.



NESTE MOMENTO DIFÍCIL NAS NOSAS VIDAS QUERO PROPOÑERVOS ALGUNHAS TAREFAS QUE POIDAN AXUDARVOS A PASAR O TEMPO E A POÑERVOS EN FORMA.

O BLOGUE ESTÁ EN CONTINUA CONSTRUCCIÓN. Por eso irei engadindo novos enlaces a coreografías. Para estes primeiros días as propostas son as que ides poder clicar.

COIDÁDEVOS MOITO POR VÓS, POLAS VOSAS FAMILIAS E POR TODOS E TODAS.

A música sempre nos acompaña  ¿Por que non utilizala para poñerse en forma?

A danza, o baile e case todas as variantes son un completísimo exercicio que axuda a que mellores a coordinación, a capacidade pulmonar e do corazón e tamén a flexibilidade e elasticidade. ¿Que máis podemos pedir?

Hai moitas maneiras de utilizala. Propóñoche algunhas:

- Imos con varios enlaces de zumba:

* No enlace azul deixamos vídeos e máis vídeos adaptados á vosa idade. Algúns son para pequenos e outros para os maiores.  Zumba.

* Esta clase de HIP HOP  vai gustarche seguro. A música está moi ben e a coreografía, aínda que é rápida, ten pasos sinxelos. A Canción vai sonarche moito.

POUCO A POUCO IREI PROPOÑENDO VÍDEOS PARA DÍAS SUCESIVOS.


- Podemos practicar coreografías. Sempre tentarei buscar aquelas que vexa máis sinxelas, para que, se  queredes, poidades seguilas. Para eso podes ir a varios sitios:

a) YouTube tén moitas coreografías:

* Aquí déixoche o vídeo de Just Dance "Panic at the disco".  YouTube déixache ir a todas as cancións que queiras de Just Dance. Tés a vantaxe de poder parar e repetir o vídeo canta veces queiras. Por suposto ti podes cambiar todo o que queiras. A creatividade é o mellor.

b) Youtube tamén permite que escribas as túas buscas. Escribe "Coreografía de "título da canción". Logo xa só tés que escoller a que máis che guste. Vas poder ir a bailes, a zumba desa canción... Eu propóñoche bailar con ABBA. No vídeo vas bailar un "mix" de tres famosas cancións: "Dancing Queen, Waterloo e Mamma Mía". A coreografía é fácil de seguir.


En días sucesivos irei dándoche máis ideas.

2. Hoxe é 3 de marzo. Imos a por catro coreografías. A ver se consigues facelas. ÁNIMO

* Imos ao noso caixón que é Just Dance:

- A primeira canción que escollín é Let's Dance: I am Alive, Will I Am

- A segunda é Pum-It de The Black Eyed Peas.

* Visitamos o segundo caixón, YouToube. Hoxe vou deixar tres propostas. Por favor non perdas a terceira:

- Un pouco de Zumba-Fitness con Gloria Gaynor e a famosa canción I Will Survive.

- Movidiña esta. Ob-la-di-ob-la-da dos Beatles, nunha versión bailable.

- ESTA TERCEIRA É UN HOMENAXE AOS AVÓS E AVOAS QUE TANTO ESTÁN SUFRINDO NESTE MOMENTO. Mirade que ben bailan. O himno que todos cantamos estes días RESISTIRÉ bailado por un grupo de avós e avoas en liña. IMPRESIONANTE.

3. A proposta de hoxe 13 de abril é moi sinxela. Dous únicos vídeos porque logo imos ir á entrada de Educación física na casa. 

a) O importante é moverse, e deso trata este vídeo de YouTube de  "COREOKDS - el baile del cuerpo -DIVERPLAY". Fala da importancia de coidar o corpo. Clica nesta frase que vas escoitar na canción "Tengo un cuerpo y lo voy a mover". Unha coreografía alegre e sinxela.

b)  Imos cunha sesión de aeróbic.

Imos agora á parte do blogue de "Deporte e Xogos para facer sen saír da casa".


Licencia Creative Commons



mércores, 16 de maio de 2018

DATCHBALL


Outro deporte novo, adaptado do americano chamado Dodgeball. A continuación presento, a través dun vídeo ao que podes acceder, se clicas sobre as pelotas de cores anteriores,  a final dun encontro entre Canadá e Estados Unidos de Norteamérica. É moi emocionante e na clase, sempre adaptado, polas propias condicións da sala de xogo, resulta moi divertido. Anímovos a practicalo.

A continuación, sin embargo imos ver como se xogaría na escola.

Creative Commons License

O COLPBOL

O Colpbol é un deses novos deportes nacidos da práctica diaria na aula de Educación Física. Un xogo con movemento, motivante, cooperativo e de reglas simples. Os piares que se precisan para que o alumnado se identifique con certas actividades. O seu creador foi un mestre de Educación Física chamado Juanjo Bendicho.

Clica sobre este balón e accederás a un vídeo que che vai amosar este deporte.

https://youtu.be/WZ8H4h3s_N4

Se por algo se caracteriza o Colpbol é pola competición entre equipos mixtos, como podes ver no vídeo anterior.

Como dixemos antes, calquera falta vai ser castigada cun saque de banda do outro equipo, desde o punto máis próximo a onde ocorreu a mesma, polo que a complicación é mínima.

O que precisa o Colpbol é unha boa habilidade de golpeo.

 Creative Commons License

martes, 24 de abril de 2018

A EDUCACIÓN VIARIA

Todos e todas andamos polas beirarúas ou utilizamos patinetes, bicicletas, patíns... Polo tanto debemos coñecer como actuar: os sinais, os perigos... Agora temos aquí uns vídeos sobre este tema que che vai axudar moito. Os xogos pertencen a MAPFRE. Clica aquí e á esquerda podes traballar cantidade de xogos.

Outro lugar cheo de xogos sobre educación viaria é "Educapeques". Os xogos que vas ver están graduados por niveis.


Os sinais. Todos nós debemos saber o significado das máis importantes e que facer cando estamos diante delas. É o xeito de evitar accidentes. Clica sobre eles para acceder ao vídeo.


https://youtu.be/rnb0fkpeOao  


 
Imos agora falar de que facer cando estamos na rúa. Todos compartimos ese espazo e temos actuar con corrección para convivir. O vídeo que podes ver se clicas sobre o semáforo pertence a "Ecucapeques".


 Creative Commons License