luns, 2 de abril de 2018

O VOLEIBOL E O MINIVOLEIBOL

* ¿Que é o Voleibol?




O Voleibol é un deporte de equipo no que se enfrontan dous equipos de seis xogadores cada un, nunha pista separada en dous campos por unha rede situada a unha altura de 2,43 m para homes e 2,24 m para mulleres.

Imaxe xentileza de Pixabay.


* ¿Que é o Minivolei?

O Minivolei non é outra cousa que unha adaptación do voleibol, un deporte adulto, aos nenos e nenas de Primaria.
No Minivoleibol enfrontaríanse 4 contra 4 e a rede estaría a menos altura, concretamente a 2,10 m.
O campo mediria 12 m de longo por 6 de ancho ou incluso poderiamos utilizar un de 9 por 4,5.

O obxectivo, igual ca no Voleibol, é pasar un balón por riba da rede ao campo contrario, facendo que caia ao chan no outro campo ou que ao tentar controlalo o equipo contrario o boten fóra.

* ¿Como naceu o Voleibol?

Este deporte nace nos Estados Unidos de Norteamérica. O seu inventor foi un mestre e director de Educación Física chamado William G. Morgan, aló polo 1895. William, baseouse noutro deporte, o tenis, pero quixo facer algo distinto e máis sinxelo. Colocou a rede bastante máis alta, a 1,98 m e eliminou as raquetas. O único instrumento que se utilizaría para golpear sería o propio corpo.Hoxe, como se dixo antes, a rede está algo máis alta. Digamos que a talla do ser humano é un pouco superior, así como as melloras introducidas por entrenamentos específicos. Hoxe en día os xogadores e xogadoras de Voleibol son moi altos e altas e sumamente hábiles. Unha rede a tan pouca altura non lles suporía ningún esforzo superala.

* ¿Que precisamos para poder xogar a Voleibol ou a Minivoleibol?

 O punto de partida debería de ser sempre pasar un bo intre cos amigos. Se xogamos dun xeito relativamente informal o único preciso sería:

- Un terreo de xogo, interior ou exterior, no que poderiamos ter xa debuxadas as liña de campo ou no que nós as marcariamos, por exemplo sobre terra ou area...
Imaxe de Pixabay
- Dous simples postes, árbores...
- Unha corda ou unha goma que nos faga as veces de rede.     
                                                                                 
- Un grupo de amigos e amigas.      

** Para xogarmos dun xeito regrado:


Imaxe de Pixabay


- Unha pista coas liñas e medidas regulamentarias.
- Unha rede de Voleibol á altura que marcan as regras.
- Un balón de Minivolei.
- Dous equipos de 4 xogadores ou xogadoras cada un.

Balón de Voleibol. Imaxe de Pixabay


* Un regulamento explicado e aplicado aos nenos... e baseado no da Real Federación de Voleibol.  Regras, consellos, medidas de seguridade...

 A complexidade é o peor inimigo do xogo. Sexamos polo tanto simples. Buscando esta sinxeleza o regulamento quedaría deste xeito na nosa aula:

1. O xogo iníciase cun saque desde detrás da liña traseira do campo do equipo que tén o balón, sen pisar a liña. En todo caso o importante é que poidamos superar a rede, polo que cando estamos empezando podes adiantar a liña se o necesitases.

2. O saque que utilizaremos, preferiblemente, será o de seguridade ou ben o lateral. O control das traxectorias do balón é máis preciso, así como menor o impacto articular e risco de esguinces. Lembra golpear sempre co talón da man e cos dedos da mesma moi xuntos.

3. Cando o outro equipo fixo un saque cara o noso campo debemos recibilo sempre co golpe de antebrazos.

4. Durante o saque o balón non deberá tocar a rede e ningún xogador do noso equipo pode axudar, con outro golpeo a botar o balón  por riba da rede.

5. Durante a disputa dun tanto o balón sí que pode tocar a rede. Estamos entón moi antentos e atentas porque a rede pode facer variar a traxectoria do balón e marcarnos un punto.

6. A rede non é a nosa amiga. Non poderemos tocala  e tampouco facer pasar por riba ou por debaixo dela ningunha parte do corpo. Se esto ocorre cometemos unha falta chamada invasión.

7. O número máximo de golpeos que podemos dar entre os que formamos o noso equipo é de tres. Se desemos máis sería punto para o outro equipo.

8. O máis difícil é que sexas quen de golpear realmente o balón. Se se observa que se che "pega" ao corpo e que fas un empurrón ao mesmo, consideraríase outra falta chamada retención.

9. Se os contrarios conseguen que o balón toque o chan no noso campo será punto para eles.

10. Se durante o xogo golpeamos o balón e o botamos fóra tamén conseguirán un punto.

11. Mentres un equipo vai logrando puntos estará sacando seguido. Podes ver un compañeiro ou compañeira que saca 5, 6 ou máis veces, conseguindo o seu equipo un punto en cada un dos xogos que arrancaron con ese saque. Polo tanto un compañeiro que estea sacando farao mentre non falle.

12. No momento en que o equipo contrario falle o balón regresa ao noso campo. Nese intre nós faremos a chamada rotación.

13. A rotación é un movemento que realiza o equipo que recupera o balón e que se executa no sentido das agullas do reloxo, ocupando cada un de nós o posto inmediatamente seguinte ao que ocuparía a agulla dun reloxo.

14. Un partido xogaríase a tres sets de 25 puntos cada un.

15. Non vos coloquedes en filas perfectas. Movédevos por toda a zona de pista que vos corresponda. Os ocos que queden libres serán dianas para o balón dos demais.

16. Evitade estar esperando o balón sempre coas mans agarradas e coas pernas estiradas, para executar un golpe de antebrazos. Esta postura impídevos reaccionar con velocidade.

17. No momento en que o outro equipo saca, a liña dianteira do noso equipo ten que calcular a que altura vén o balón. Se o balón vén cara a cabeza dos de diante (zona de ataque), debemos deixalo pasar e que sexan os de atrás (zona de defensa) os que se encarguen de recibir ese saque.

18. Se un compañeiro golpea o balón debe retirarse rapidamente para deixar que outro poida intervir, en caso de que o balón non pasase a rede para o outro campo, para eso temos que seguir o balón coa mirada e colocarnos próximos á persoa que nese momento vai golpear.

Con estas sinxelas regras e consellos podes pasar un estupendo momento de xogo cos compañeiros e amigos.

O Voleibol é un deporte que implica unha grande coordinación entre os membros do equipo e unha excelente forma física, dada a velocidade e forza coa que se executan as xogadas.

Aquí che deixo un enlace a un vídeo presentado por un dos mellores xogadores de Voleibol a nivel mundial. Clica no enlace e poderás velo. Clica enriba del para acceder á ligazón. Este vídeo pertence á REFEVB: Real Federación ESpañola de Voleibol.

http://www.pequevoley.com/videos/video-completo.php

Agora verás un partidiño feminino moi emocionante. Espero que che guste.

https://youtu.be/HmqolAMowKM


* ¿Cales son os principais golpeos no Voleibol e Minivoleibol?

- O saque:

Para nenos e nenas eu prefiro que utilicedes o saque de seguridade ou o lateral, golpeando sempre co talón da man e cos dedos totalmente xuntos. Trátase de evitar sobrecargas, esguinces etc... en articulacións, como as vósas en pleno crecemento.

- O golpe de antebrazos ou recepción.

É o golpe que máis vos gusta.
É o primeiro movemento que faremos cando imos atallar un balón que acaban de sacar desde o campo contrario. Lembra que o saque trae moita forza e velocidade, polo tanto necesitamos enfrontarnos a el de modo contundente e seguro.

Imaxe de Pixabay


Hai tres modalidades deste golpeo: a frontal, a lateral e a de atrás. En todas elas o importante será non cruzar os dedos das mans. Colocamos unha palma dentro doutra e os polegares perfectamente deitados sobre as mans. Outra cousa a ter en conta é que debemos estirar, sen forzar, os brazos, sen soltar as mans, como tentando xuntar os cóbados. Deste xeito teremos unha superficie plana de golpeo na que caerá ese balón que vén de saque. Evita en todo momento golpear cos puños. Fíxate na imaxe anterior e atende á parte dos brazos na que cae o balón. Cando executes a variante frontal, lembra non elevar os brazos por riba dos ombreiros. Fíxate de novo na imaxe que tés enriba deste texto. Trátase de frear o balón do saque para que outro compañeiro poida golpealo e así o teu equipo tentar marcar un tanto.

Na imaxe atende tamén á xogadora que tés no primeiro plano. Está moi atenta ao golpeo da compañeira por se tivera que axudala dando ela o seguinte golpe.

- O golpe de dedos. É un dos máis arriscados pola facilidade coa que se pode producir unha escordadura nestas idades. É moi importante saber que para utilizalo o balón tén que vir con pouca velocidade e moi bombeado, é dicir temos que mirar cara arriba e ver como se dirixe directamente á nosa fronte, vindo como caído do teito. Cando se estea aproximando recibirémolo coa xema de tódolos dedos, golpeándoo cun movemento en que cada man expulsa (golpeando) cunha traxectoria lixeiramente diagonal de cada unha das mans. Nunca o utilices para repeler un saque ou un golpeo forte dun compañeiro. Fíxate nas imaxes que vas ver. Tamén hai unha variante frontal, unha lateral e outra cara atrás.


Golpe de dedos- Pixabay
Toque de dedos-Imaxe Pixabay





 -  O Bloqueo. Sendo que o utilizades pouco, debedes de saber que é unha técnica moi utilizada no Voleibol e tamén en  Minivolei. Salva moitos puntos e aínda por riba non se considera un golpeo. Despois del o equipo tén dereito aos tres golpes regulamentarios. Lembra non tocar a rede e tampouco invadir o campo contrario.

 Na imaxe vés á xogadora da dereita
Remate e bloqueo. Imaxe de Pixabay
facer un remate e ás dúas da esquerda
saltar para un bloqueo.

O home que vés de pé sobre a rede
é o árbitro. Necesita estar a esa altura
para poder ver todo o que sucede na
rede.





- O Remate. Normalmente é o terceiro dos golpes que executa o equipo, buscando sempre o mellor lugar para facer que o balón toque o chan dos outros. Necesita un bo salto e moita potencia de brazos. Se algunha xogadora ou xogador ve a oportunidade de utilizalo de forma sorpresiva pode facelo sen problema. Lembra non superar a liña da rede e tampouco tocala.

- As Pranchas. En ocasións os balóns están lonxe da nosa posición, polo que temos que lanzarnos ao chan, colocando unha man entre o mesmo e o balón. Dese xeito, ao golpear nela evitamos o punto dos contrarios.

* As variantes do Voleibol

Temos dúas básicas e unha nova evolución deste deporte:


Partido de volei pista. Imaxe Pixabay


A. O Volei en pista. Xógase en interior, normalmente en
 pistas polideportivas. Imaxe da dereita.



Partido volei praia. Imaxe Pixabay



B. O Voleibol praia.  Na imaxe da esquerda, xógase como ben adiviñas na area da mesma ou ben sobre area colocada incluso en prazas de onde se queira. Os equipos soen ser de dous xogadores ou xogadoras.






Partido volei neve. Imaxe Pixabay
C. O Voleibol Neve. O deporte evoluciona.
Esta variante xógase sobre unha superficie nevada.
A equipación é especial para evitar o frío e os esbaróns.
Fíxate na imaxe da dereita.




Creative Commons License
This work is licensed under a Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivatives 4.0 International License.

Ningún comentario:

Publicar un comentario